O CEIP Canosa-Rus recibe 5000€ de premio por un proxecto sobre a igualdade de xénero
08:05 14/04/16
A entrega dos premios Concepción Arenal convocados pola Deputacion tivo lugar onte na Coruna
Os alumnos de infantil do C.E.I.P. de Canosa-Rus - Coristanco - veñen de recoller o premio "Concepción Arenal" por un proxecto sobre a igualdade de xénero otorgado pola área de Benestar Social, Educación e Políticas da Igualdade de Xénero da Deputación da Coruña. Xunto co de Rus, tamén recibiron o premio o C.E.I.P. Plurilingüe San Xoán de Filgueira de Ferrol en Educación Primaria e o I.E.S. Fraga do Eume, de Pontedeume para Educación Secundaria.
A deputada nacionalista Ánxela Franco, responsábel da área de Benestar Social, Educación e Políticas de Igualdade de Xénero entregou os premios nun acto que tivo lugar no salón de Plenos da Deputación da Coruña no que participaron representantes do profesorado dos centros que elaboraron os proxectos gañadores.
“As aulas, o ámbito escolar, é fundamental para a eliminación do machismo que é tamén o obxectivo ao que quere contribuír este certame”, sinalou Ánxela Franco no acto de entrega dos premios que, nesta edición, consistiron nunha achega de 5.000 euros máis unha figura coa imaxe de Concepción Arenal, de quen recoñeceu o relevante papel histórico na defensa da igualdade das mulleres. “Estou certa de que o premio será moi ben empregado. Son consciente de que en tempos de recortes a educación e a igualdade sufren e nós temos seguridade de que este certame reverterá en beneficio do alumnado de cara á igualdade”, engadiu, nun acto no que recolleron os premios docentes dos tres centros de ensino.
Na Modalidade A, de Educación Infantil, o centro gañador foi o C.E.I.P. de Canosa-Rus, do concello de Coristanco, co seu proxecto "Sementando a igualdade no rural". O xurado no seu fallo valorara, entre outras razóns, a implicación de toda a comunidade educativa, incluíndo ás familias e outras organizacións da contorna.
Novas relacionadas
Fonte
- Redacción QPC ([email protected])
- Deputación