Venres. 17.05.2024
El tiempo

O Informe dez meses despois

O Informe dez meses despois
En xuño do ano pasado, o Consello de Contas aprobou un informe “demoledor” sobre a estrutura do persoal das entidades locais de Galicia. Pero, como en outras moitas ocasións, pasou inadvertido para a opinión pública. Consello de Contas de Galicia Sen embargo, durante estes días, observamos como diversos medios publicaron unha minúscula parte do seu contido, ao coñecer que o Fiscal Xefe do Tribunal de Contas entendeu que, nese informe, se describen feitos dos que se poden derivar responsabilidades contables. Concretamente, o Ministerio Fiscal aprecia que 23 concellos (entre os que se atopan Corcubión, Malpica e Ponteceso), non respectaron o límite establecido para asignar o complemento de produtividade e gratificacións ao persoal funcionario, o que pode dar lugar á correspondente demanda para o resarcimento dos danos causados, polo que xa se incoaron as oportunas dilixencias preliminares. O resto de municipios son Alfoz, Barro, Caldas de Reis, Cambados, Cangas, A Estrada, A Guarda, Marín, Mondariz, Mugardos, Noia, Outes, Pedrafita do Cebreiro, Poio, Rábade, O Rosal, Salceda de Caselas, Vilaboa, Vilagarcía de Arousa e Vilardevós. Aproveitando que o informe do Consello de Contas –dez meses despois da súa aprobación–, parece estar de actualidade, non me resisto a que os nosos lectores coñezan algunhas “recomendacións” que a Institución formulou, nese documento, aos concellos galegos. Porque non teñen desperdicio. Así, sobre efectivos de persoal, advírtese que se debe erradicar a práctica de formalizar contratos temporais que se renovan de forma sucesiva vulnerando a Lei. Vamos, que xa está ben de contratar irregularmente aos mesmos. En canto á planificación de recursos humanos, recoméndase a elaboración de normas internas para a tramitación de permisos e licenzas, anticipos, dietas, etcétera. Dito noutros termos, xa está ben de facer estas cousas arbitrariamente. Así mesmo, indícase que debería existir unha adecuada segregación de funcións en materia de nóminas, como medida imprescindible de control interno. Porque, xa está ben que o encargado de contabilizar a nómina, sexa quen a pague e a revise –incluso a súa–. Por último, sinala o informe que se deberían implantar mecanismos que permitan controlar o cumprimento da xornada laboral e o horario dos traballadores públicos. Eu engadiría: qué menos!
  • Domingo Guerra ([email protected]). Economista. Especialista en economía pública e política económica pola USC.
 

Outros artigos sobre Economía Municipal de Domingo Guerra

Fonte

Comentarios