Piden máis oferta formativa de FP na Costa da Morte
Xusto co inicio do novo curso escolar 2024-2025 o PSdeG vén de presentar, a través do seu portavoz de Educación, unha proposición non de Lei na Comisión de Educación na que lle reclamou ao goberno galego que amplíe a oferta formativa de FP na Costa da Morte para incorporar as especialidade que demandan os sectores económicos vinculados ao turismo relacionados co xeodestino, así como o sector marítimo pesqueiro. Abalde lamentou que o “incomprensible” voto en contra do PP impedira aprobar esta proposta.
O responsable socialista instou ao goberno galego a aproveitar a implantación da FP Dual e os fondos que recibe do goberno central para incorporar á oferta formativa as distintas ramas da xestión turística e cultural e aquelas vencelladas ao sector marisqueiro e pesqueiro. Advertiu que os centros de FP da comarca limítanse a ofrecer formación en ciclos relacionados maioritariamente coa administración e xestión, mecánica, electricidade e as distintas tecnoloxías informáticas.
Propuxo incorporar tamén as especialidades que demandan os sectores económicos e estratéxicos da zona como unha medida nuclear para loitar contra a sangría demográfica da Cosa da morte, que perdeu 5.563 habitantes dende 2009 e que ameza con deixar despoboada á zona nun prazo limitado de tempo.