Luns. 29.04.2024
El tiempo

Senda Nova achegará a Bergantiños a mozos europeos co Proxecto XEM

Senda Nova achegará a Bergantiños a mozos europeos co Proxecto XEM
Presentacion en Carballo do Proxecto XEM

Fantástico o traballo de promoción da Asociación Ambiental Senda Nova, que desta volta dá un salto de Bergantiños ata centro Europa para armar, coa colaboración do Concello de Carballo, entre outras entidades como o Injuve (Instituto da Xuventude), o proxecto XEM -Xuventude, Europa, Medio ambiente-, unha iniciativa que ten como obxectivo fomentar entre a mocidade os estilos de vida saudables e o respecto á integración da sociedade na defensa do medio ambiente.

Así, entre o 2 e o 9 de xullo tres entidades europeas procedentes de Italia, Francia e Eslovaquia, ademais de Senda Nova, reflexionarán en Carballo sobre estes eixos a través de distintas actividades, que van desde rutas de sendeirismo ata encontros de traballo ou unha visita á feira de Carballo.

Aberto a todo o mundo

Ademais dos integrantes de Senda Nova, o presidente da entidade, Xosé Manuel Menéndez, subliña a vontade da asociación de abrir a experiencia a toda a xuventude. Por ese motivo, a partir do 6 de xuño e até o 17 do mesmo mes os rapaces e rapazas de entre 18 e 25 anos que queiran colaborar e participar activamente no encontro de xullo, poden inscribirse a través de <www.sendanova.org>. Hai un máximo de sete prazas. Senda Nova espera poder animar aos rapaces e rapazas chegados de toda Europa a reflexionar sobre o papel que deben desempeñar as novas xeracións para garantir un futuro saudable e sostible, con especial atención á modificación de comportamentos da sociedade no acceso aos recursos e co medio ambiente.

Unha marea de actividades unindo mocidade, cultura e deporte

Entre o 2 e o 9 de xullo realizaranse obradoiros dinámicos e interactivos centrados na creatividade dos participantes, no coñecemento dos recursos ambientais ou na participación da mocidade. Un total de 28 rapaces e rapazas terán a oportunidade de poñer en común proxectos de sensibilización ambiental e diferentes problemáticas de cada lugar de orixe como punto de partida para elaborar un traballo común para a busca de estratexias a favor do medio ambiente. Senda Nova conta coa colaboración de numerosas entidades da Costa da Morte, como Axvalso, Cherinkas, O Santiaguiño de Carreira, os voluntarios de Protección Civil de Carballo, Positibos ou o Asalto ao Castelo, entre outras, tentando implicar o máis posible ao tecido asociativo da comarca e engadindo un compoñente lúdico que fomente a interculturalidade e o achegamento de linguas e sociedades.

Así, entre as actividades está previsto colaborar no Asalto ao Castelo de Vimianzo ou asistir a un concerto de música folk e tradicional. Así mesmo, está previsto deixar a pegada do encontro nos muros da vila a través de "Pintamos moito". Cada entidade poderá contribuír á recuperación dun muro da vila en mal estado. Menéndez afirma que Senda Nova convértese nun anfitrión humilde, debido á falta de experiencia da entidade en proxectos europeos, mais asegura que esperan suplir esa inexperiencia "con traballo e ilusión”.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios