Unha marea de axuda humanitaria carballesa para os refuxiados dos Balcáns

09:06 18/07/18

”Sácame unha foto e conta o que nos pasa, por favor”
E precisamente é o esquecemento mundial o que máis desespera aos refuxiados. Sirios, pakistaníes, afganos, iranís, kurdos... e tamén somalís, sudaneses, marroquíes… piden unha e outra vez que se conte a súa historia, pois non entenden como a comunidade internacional pode facer caso omiso da súa situación. Todos en xeral o que piden é que fagan fotos. Podes facerme unha foto, podes falar de min, as autoridades maltrátannos e nos esquecen. Preguntan moito se en España se fala deles. E por iso empecei a escribir, e para min é moi bonito contar a súa historia. É case imposible poñerse na súa situación, pero é importante intentalo. O único que quero é axudar, difundido e falando das súas historias”. Centos de persoas que sofren, ademais do desdén das administracións, as inclemencias do cambio climático, con grandes treboadas que destrozan unha e outra vez as súas precarias tendas de campaña.
Nova viaxe cargada de ilusión e axuda humanitaria
Ela ten billete de avión a Belgrado (dos baratos con varias escalas…), e dende Zamora sairá cara Velika Kladusa. Un camión modificado para ofrecer servizo de duchas. Un camión que irá cargado de axuda humanitaria, para a que que a sociedade galega está colaborando activamente. Dende onte e ata este xoves 19, son varios os puntos de recollida de axuda pola xeografía galega, pero segundo lle contaban, a vila de Carballo (onde máis contactos ten) está sendo a máis solidaria. Os puntos de recollida voluntarios (Casino1889, A tenda Croa do Castro, a Adega o Lagar, Interfilm e a Libraría Teldy) están recibindo mareas de axuda. “Estamos recollendo moitísimo, máis do que esperábamos. En cidades como Vigo, Santiago, algo en Coruña, pero aínda máis en Carballo, ademais hai dúas organizacións de Madrid que que se puxeron en contacto comigo e tamén van enviar unhas doazóns importantes directamente a Zamora”, explica. ”Está chegando un pouco de todo, levouse bastante roupa, mesmo doazóns de roupa nova, pero tamén teléfonos (unha das cousas máis importantes) e tamén produtos de hixiene, mantas, mochilas, xoguetes… Pero é certo que falta algo de roupa interior nova, e sobre todo faltan cartos, fundamental por varias razóns: necesitamos comprar calzado, que non os permiten atravesar a fronteira, para comprar o gasoil, e para comprar comida para eles”. Por iso anima a todo o mundo a colaborar nunha conta do Banco Santander ao seu nome (ES50 0049 6769 1327 9000 7690), e a que se achegue aos puntos de recollida ata o xoves, a deixar esas cousas que aínda fan falta, pois o sábado vai levar todo o recollido ata Zamora, pois o camión de Acción Norte arrinca o luns.
”Crúa experiencia”
”A verdade é que despois de 11 anos de traballo de oficina, estes dous anos que levo axudando é un cambio radical. Por agora non teño necesidade de volver traballar, por iso os meus recursos económicos e enerxéticos van enfocados a outras persoas, e tamén, iso si, ao enriquecemento persoal, porque hai que recoñecer que cando descubres que facer isto é como te enches, é case como un proceso un egoísmo absouto”, recoñece. ”En todo caso, eu fun soa por unha cuestión sobrevenida, pero non lle recomendo a ninguén ir soa a ningún voluntariado, e menos a situación de vida ou morte, de pura necesidade. Atopei unha situación realmente cruenta. Situacións moi duras as que te conta a xente e as que vives a nivel persoal, como o mal que pasei o primeiro día que quedei soa na casa, nun lugar por onde non pasou nin o Google Maps”, sinala graficamente. “Hai situacións moi extremas, que non se poden contar porque non se creerían, porque é moito peor a realidade que a ficción. Creo que se digo cousas que vivín a xente non as crería”. Ademais, “na zona dos Balcáns non se fala inglés, é complicado, pero si que entre os refuxiados sempre hai alguén que o fale, entón permite que haia unha boa comunicación. O que máis me tocou foi o relato das persoas, porque están totalmente desesperadas, e sempre repiten que “non temos futuro”.