Xosé Regueira aos entes de xestión: “Cómpre crear produtos turísticos complementarios ao Xacobeo”
Regueira apunta directamente aos 14 entes de xestión da provincia (na nosa comarca a CMAT, Solpor, Empresarios de Camariñas e Turismo Natural de Muxía) como “pezas clave á hora de traballar pola recuperación do sector e axustar as programacións ás esixencias deste momento”.
Ante todo isto, pide “aproveitar os recursos e apostar pola rendibilidade nun momento en que é urxente traballar pola recuperación dun sector especialmente afectado pola crise do coronavirus”. Porque este 2021 é “fundamental para a recuperación do sector turístico”.
Sinalou que a Deputación vai ter especial coidado do " turismo urbano que é o gran damnificado da pandemia e é o xera máis beneficios porque temos que traballar co obxectivo de que o turismo que chegue ten que deixar un maior retorno económico no territorio".
Novas axudas
O carballés lembrou tamén as novas liñas de traballo para este ano ao abeiro da nova convocatoria de axudas que está aberta para presentar proxectos até o vindeiro 5 de febreiro. Axudas de até 120.000 € por entidade, para os que a entidade provincial se fixará “no número de prazas de aloxamento en establecementos turísticos, a poboación residente no territorio e a propia valoración dos proxectos presentados”.
Os entes de xestión esperan que continúe a comunicación con xuntanzas mensuais de valoración e avance de traballo.