Martes. 08.10.2024
El tiempo

A #AxendaCostadaMorte despide o mes de xullo con citas para todos os gustos

A #AxendaCostadaMorte despide o mes de xullo con citas para todos os gustos
Festas, exposicións, visitas teatralizadas, festas temáticas, concertos, eventos deportivos,... A última fin de semana de xullo chega cunha #axenda repleta de actividades para todos os gustos. Ademais, a fin de semana traerá unhas temperaturas que permitirán desfrutar das actividades ao aire libre. Así o di o parte costeiro de Meteogalicia.

Meteogalicia

O estado do ceo será estes días moi semellante aos días anteriores: con nubes baixas pola mañá que irán desaparecendo ao longo do día. Hoxe pola mañá haberá un ambiente de humidade en boa parte da Costa da Morte, con ceos parcialmente anubrados e logo alternarán as nubes e os claros na segunda metade do día. As temperaturas estarán en descenso. O sábado pola mañá volverán a predominar as nubes baixas que iran desaparecendo ao longo do día. Situación que se repetirá o domingo. As temperaturas xa se recuperarán o sábado. En canto ao estado do mar, en xeral, estará tranquilo en toda a Costa da Morte con mar de fondo do noroeste intercalando con oeste, o que traerá ondas de 1-1,5 metros de altura. O vento soprará frouxo durante toda a fin de semana.

Festas

  • Berdeogas. Hoxe rematan as festas en Berdeogas con sesión vermú, sardiñada e verbena.
  • Cereixo. Hoxe e mañá continúan as festas do Apóstolo en Cereixo. A música non cesa!
  • Sísamo. En Sísamo (Carballo) continúan as festas do Apóstolo durante hoxe e mañá.
  • Louro. Dende hoxe e ata e ata o domingo, Louro celebra as festas do Carme. E xa o luns, haberá un acto en homenaxe aos mariñeiros desaparecidos no mar.
  • Mens. Na localidade malpicana de Mens rematan hoxe as festas do Apóstolo.
  • San Cremenzo. Na parroquia de San Cremenzo, en Zas, están de festa o sábado e o domingo.
  • Pino do Val. Mañá e o domingo celebran as festas na honra a san Pedro e a san Antonio.
  • Nemiña. O sábado e o domingo, en Nemiña, Muxía, celebran as súas festas coa visita de Azúcar Moreno.
  • San Cristóbal en Santa Comba. Esta fin de semana Santa Comba celebra as festas na honra a san Cristóbal con procesión motorizada incluída.

Outras citas

  • Mostra da Olería. Buño continúa esta fin de semana coa súa XXXV edición da Mostra da Olería coas casetas dos oleiros abertas e outras actividades paralelas como sesións vermú (sábado e domingo), ruta dos fornos guiada, e clausura da mostra coa actuación dos grupos de baile e música tradicional da A. C. Xacarandaina.
  • Arte e Vermú na Casa das Pepitas. A Casa das Peritas, obradoiro da artista Natasha Lelenco na aldea de Mallas, en Fisterra, abre novamente esta fin de semana as súas portas como ocasional galería de arte. Faino cunha exposición que poderá visitarse os venres, sábados e domingos entre as 12:00 e as 14:00 horas.
  • Concerto en Carballo. Susana Seivane presenta hoxe en Carballo o seu último traballo, Fa. A cita, que se enmcarca dentro do Verán Cultural, comeza ás 22:30 horas na praza do Concello.
  • Noites na vila en Malpica. O grupo "The Cerne" actúa esta noite no paseo marítimo de Malpica a partir das 22:30 horas.
  • IV roteiro "Lúa Chea". Acompañados de escenas teatrais e musicais, este venres terá lugar en Laxe o IV roteiro “Lúa Chea”. A andaina arranca ás 21:30 horas da praza dos Voluntarios
  • III Feira Mariñeira Artesá en Corme. Ademais de postos de artesanía, a música volve esta fin de semana a Corme no marco da III Feira Mariñeira Artesá.
  • Acto de entrega do V premio de Poesía Gonzalo López Abente. O salón de actos do Voluntariado de Muxía acolle hoxe ás 20:30 horas o acto de entrega do V Premio de poesía Gonzalo López Abente.
  • Festórreo en Lira. A “Eira da Cabaseira” (ó carón do hórreo de Lira) xa está preparada para acoller este sábado unha nova edición do Festórreo; unha cita con personalidade propia promovida pola A.C. Canle e na que non faltará a degustación de empanadas e a música coas bandas Radio Cos, Banda Xangai e 7 Setenta.
  • "Son Galego, son Cubano", en Santa Comba. Roi Casal trae mañá o espectáculo “Son Galego, Son Cubano” a Santa Comba. A cita é ás 22:00 horas no campo da feira.
  • Xornada de portas abertas en Naturmaz. Dende hoxe e ata o domingo as instalacións de Naturmaz, no encoro da Fervenza en Mazaricos, organizan unhas xornadas de portas abertas nas que os visitantes poderán probar novas experiencias a través das distintas actividades que se ofertan cun desconto especial durante estes días.
  • XVII certame da canción mariñeira en Laxe. Este sábado será o Certame de Canción Mariñeira de Laxe, que xa vai pola XVII edición. A cita é a partir das 20:00h na praza Ramón Juerga.
  • Iluminación Fervenza Ézaro e cine ao aire libre. A Fervenza do Ézaro volverá a iluminarse mañá á noite enchendo de cores e maxia un dos puntos turísticos da Costa da Morte máis visitados.
  • Ruta nocturna en Carnota. O concello de Carnota descubre o seu patrimonio a través dun roteiro nocturno que será hoxe a partir das 21:00 hors. O miradoiro de Lira é o punto de saída e de chegada.
  • XIV concentración de Motos Clásicas. O domingo, Baio será o punto de partida da XIV concentración de motos clásicas (de máis de 25 anos) organizada polo concello de Zas.
  • Actuación da coral marfileña en Cee. A coral Saint Luc Banabakintu, da Costa de Marfil, actúa este domingo en Cee a partir das 19:00 horas.
  • O Encaixe no Camiño. Esta fin de semana Camariñas acolle a 2ª edición das xornadas "O Encaixe no Camiño”. Os actos comezan mañá ás 10:00 co pregón, e continuarán ás 11:00 horas coa Recreación do desembarco do rei Alfonso IX no porto.
  • Semana Cultural en Zas. Este domingo arranca a Semana Cultural de Zas coa representación da obra de teatro "Sábado... sabadete". A cita é ás 21:00 horas no auditorio de Zas.

Visitas teatralizadas

  • Castelo de Vimianzo. Todos os domingos de xullo e agosto, o Castelo de Vimianzo oferta unha visita guiada teatralizada da men de Os Quinquilláns. Hai dous pases; un ás 13:00 horas e outro ás 17:00 horas. Esta é unha actividade gratuita e dirixida a todos os públicos.
  • Dolmen de Dombate. Todos os sábados de xullo e agosto, os visitantes do Dolmen de Dombate que o fagan ás 18:00 e ás 19:30 horas poderán asistir a unha amena e divertida lección de historia e antropoloxía ao redor de Dombate a través dunha visita teatralizada guiada por Os Quinquilláns. A entrada é de balde e está dirixida a todos os públicos.
  • Torres do Allo. Os domingos de xullo e agosto, os antigos habitantes do pazo dasTorres do Allo cobran vida coa visita teatralizada que se ofrece de forma gratuita ás 19:30 horas. A ela pode asistir todo tipo de público e a entrad é gratuíta.

Exposicións

  • Castelo de Vimianzo. A fortaleza así como a súa mostra de artesanía ao vivo pódese visitar martes a domingo de 10:30 a 14 e de 16 a 19 horas.
  • Conxunto etnográfico do Mosquetín. O conxunto de muíños e batáns do Mosquetín abre as súas portas todos os días da semana dende as 11 horas ata ás 18 horas. Os sábados e os domingos hai visita guiada ás 13 e ás 18 horas.
  • As Torres do Allo, en Zas, abre todos os días durante os meses de verán (de 11 a 19 horas). Ademais, o pazo ofrece visitas guiadas gratuitas ás 13 e ás 17 horas.
  • No dolmen de Dombate ofrécense visitas guiadas, en temporada baixa, de venres a domingo de 10:30 a 14:00h e de 16:00 a 18:30. En temporada alta (Semana Santa, e do 1 de xullo a 16 de setembro), visitas guiadas todos os días.
  • sala de exposicións da Casa da Xuventude de Carballo acolle ata o 31 de xullo “O Bululú”; unha exposición de Miolos.
  • Faro Vilán en Camariñas. Ata o 31 de agosto, as instalacións do faro Vilán abren de 11:00 a 21:00 horas de luns a domingo. A entrada é de balde.
  • O Museo Man de Camelle acolle durante os próximos días a exposición “Mar de Fábula: unha viaxe de cinco anos”, da asociación Mar de Fábula. O sábado, ás 12:00 horas, terá lugar o acto de inauguración da mostra.
  • Lonxa de Fisterra. Hoxe chega á lonxa de Fisterra a exposición “Arte desde a reciclaxe. Reciclaarte”, de Luis Ares Roca, que se poderá ver no horario da subasta (de luns a venres de 16:30 a 20:00 horas) ata finais do mes de agosto.
  • A Fábrica de Sel de Muros acolle unha mostra de pintura de catro artistas locais.
  • O hotel Bela Fisterra acollerá os próximos días a exposición escultórica "Da arribada" do corcubionés Guillermo Lourido. A inauguración da mostra é hoxe ás 19:00 horas.

Máis información

Fonte

Comentarios