A #PrazadosLibros reafírmase como referente galego cultural e de vendas
Espectacular a fin de semana no Xardín Municipal de Carballo. A #PrazadosLibros fixo alimento da literatura e durante 3 días comimos a base de libros, acompañados, iso si, dun bo Pan de Carballo, que xa saben que unha das ideas desta orixinal feira, é mesturar o mercado carballés coa Feira, e regalar un Pan de Carballo con cada libro mercado.
Xa asistimos á apertura co pregón da #PrazadosLibros 2014. Un pregón que recuperaba o ton reivindicativo da literatura demostrando que é tamén unha gran industria. E así a avalan os números que nos acaba de pasar o Departamento de Cultura do Concello de Carballo, consolidando a participación e a venda de libro galego.
A valoración é moi positiva, despois das 2.000 persoas que participaron nas distintas actividades programadas, e dos ingresos das vendas, que rondaron os 16.000€. Ao longo dos catro días de feira compráronse nas sete librarías participantes arredor de 1.600 libros, dos cales preto do 70% estaban en galego. As cifras melloraron lixeiramente con respecto ao ano pasado, mantendo o nivel das edicións de 2009, 2010 e 2012, e é algo inferior á de 2011, cando se chegou aos 17.000 euros.
Os libros máis vendidos foron a obra colectiva “Contos de Taberna”, baseada en bares de Carballo; os ”Contos do Mar de Irlanda”, de Xurxo Souto; o poemario “Ningún amante sabe conducir”, de Rosalía Fernández Rial; e “Salseiros”, de Suso Lista. Ademais destes autores costeiros, os máis exitosos foron os Bolechas, que repartiron máis de 400 libros aos nenos carballeses.
Incremento das vendas de libros en galego
Por cuarto ano consecutivo, na Praza dos Libros de Carballo vendéronse máis títulos en galego ca en castelán, algo que se incrementou notablemente desde o ano pasado e que este ano chega aos dous terzos de libros vendidos na lingua propia do país. Vendéronse na Praza dos Libros uns 1.600 libros, o 67% dos cales en galego.
Un libro, un pan
O momento de maior asistencia foi o domingo pola mañá, no que a Praza dos Libros coincidiu coa feira tradicional e cando se desenvolveu con moito éxito unha vez máis a iniciativa “Un libro, un pan”, coa que cada persoa que comprou un libro foi agasallada cun dos 350 pans de Carballo que se repartiron.
Gran acollida de Os Bolechas en Carballo
E a coñecida e querida familia de personaxes infantís Os Bolechas foi moi ben acollida en Carballo, tanto na súa visita o domingo pola tarde, onde foron recibidos por centos de nenas e nenos da zona, como polo libro das súas aventuras na nosa vila.
As persoas que acumulaban na Praza dos Libros compra por valor de 30 euros levaron de agasallo o libro Os Bolechas en Carballo, do que se repartiron máis de 400 exemplares, que se se suman aos arredor de 1.600 libros vendidos dá como resultado que esta semana nos fogares da zona hai 2.000 libros máis, a maioría en galego.
A nova Biblioteca, aberta en breve
Concello e a empresa adxudicataria, Serindoc SL asinaron o convenio do contrato administrativo dos "Servizos Bibliotecarios municipais do Concello de Carballo”, que implica a apertura e posta en marcha da nova Biblioteca situada na contorna de Rego da Balsa, na rúa Bos Aires.
Atentos que dende agora, xa é posible informarse en Twitter sobre a nova biblioteca a través de @bibliocarballo.
Valoración municipal
Estas cifras son consideradas positivas tanto polo Concello como polas librarías participantes e consolidan a boa acollida da Praza dos Libros como unha referencia anual para a difusión do libro e da lectura, dándolle especial protagonismo á creación galega.
Esta actividade está organizada polo Concello de Carballo, e conta coa colaboración económica de Conservas Calvo e da Fundación Luís Calvo Sanz.
Desde a organización agradécese a participación e implicación tanto das librarías como das diferentes creadoras e creadores que asistiron, e que converteron Carballo en punto de referencia cultural durante catro días. Na Praza dos Libros estiveron, entre outros/as, Xurxo Souto, Fernando Cabeza Quiles, Rosalía Fernández Rial, Ramón Vilar Landeira, Suso Lista, Xosé Neira Vilas, Xan Fraga (que foi o pregoeiro) ou os/as múltiples creadores/as da zona que participan en Contos de Taberna.
Novas relacionadas
- #PrazadosLibros 2014: Feira, libros e alimentos xa comparten espazo na Praza dos Libros.
- Carballo volve facer da cultura alimento na Praza dos Libros.
- Xurxo Souto trae os seus Contos do Mar de Irlanda a Bergantiños.
- Suso Lista e Suso Bahamonde seguen expandindo os seus libros.
- Os libros encheron Cee de literatura costeira.
- Carballo publicou un libro cos seus exitosos Contos de taberna.
- Amasando Pan de Carballo.