Andainas, festas e cultura local para a #AxendaCostadaMorte


Fin de semana con festas, cultural local e Andainas na Axenda Costa da Morte. Pero antes, repasamos como vén o tempo da man de 4gotas.com.
O venres comezaremos a perder a influencia anticiclónica. O notaremos no vento. Irá a menos, despois de soprar con forza do nordés toda a semana. Manterase o sol no sur da Costa, con nubes máis compactas en Bergantiños a partir de media tarde.
O sábado xa se notará o cambio no tempo. Amencerá con moitas nubes e pouco vento. A partir do mediodía irán abrindo, especialmente no interior e nos arredores de Cee e Corcubión. Notaremos nese litoral un descenso nas temperaturas, xa que no pasarán dos 19-20 graos. Ao final da tarde tamén voltarán as nubes.
O domingo chega unha fronte moi desfeita. Será un día fresco, con moitas nubes e con orballos durante boa parte da xornada. A media tarde é moi probable que xa non caian, pero luns e martes algo máis de auga (pouquiña) caerá.
Citas singulares
Teremos que facer parada obrigatoria na Gala Casting do 20º Asalto ao Castelo. A cita será o sábado 30 de maio ás 21:15h na Casa da Cultura e a gala será conducida por Alba Mancebo e Manolo Rial e dirixida por Julito Lema na que se presentarán todas as actividades e novidades do Asalto 2015, ademais de escoller aos protagonistas da actuación teatral, a gran singularidade do festival.
Outra das citas máis simpáticas será a que protagonice Ana Oca, a pequena cociñeira ceense, a partir das 12:00h na Librería Ler de Cee. A masterchef Jr dirixirá o I Concurso Ler-Chef Junior, para probar as capacidades dos peque-veciños.
Ademais, poderemos asistir a un nacemento en Fisterra, onde dúas bravas abren unha nova tenda Ethel&Pan e farán unha vivida inauguración na tarde noite do sábado.
Festas
Durante a fin de semana teremos varias festas, destacando os Remedios Vellos de Lira, que chegan cun sábado espectacular, co grupo Ceniza na Sesión vermú, o grupo As Desigual de Louro antes da gran verbena con El Combo Dominicano.
Ademais teremos tamén Festas da Gándara, en Zas, que arrincan o sábado con sesión vermú e verbana con Emperadores, un domingo só con sesión vermú da man de Alma Latina, para rematar coa misa do luns 1 de xuño na honra do Perpetuo Socorro.
Temos tamén as Festas de Pazos, en Ponteceso, con 3 días de troula, o venres ca Metrópolis e Fania Blanco Show, o sábado con Atenas e Palladium e o domingo cunha orquestra sorpresa.
Andainas
Será unha fin de semana moi natural, con 3 posibles saídas. O sábado 30 toca Andaina, no marco do programa Coñece a Costa da Morte, por Ponteceso. Teremos saída ás 10:00 do Monte do Faro (Brantuas) e a chegada será arredor das 14:00h na Igrexa de Niñons. Trátase dunha andaina que combina camiño de monte, camiños de terra, mar e praias, carreiros de pescadores, rochas e con abundantes vistas panorámicas, como o entorno da Nosa Señora do Faro, atravesarase o Rego de Costoia nas inmediacións do portiño de Santa Mariña (A Eiroa), a punta do Niño do Corvo, a Ensenada de Niñons, praia de Niñons, os lugares de Lago, Eira de Vilariño e Campelo, as inmediacións do Castro das Croas e a Igrexa de Niñons.
Xa o domingo toca 6ª etapa do Camiño dos Faros, que unirá Camariñas con Muxía. A quedada é ás 9:00h no Bar O Xardín de Muxía, onde se deixan os coches e se colle un bus ata o comezo da camiñada, para que á volta, arredor das 19:00h, se faga no Bar A Marina.
E tamén o domingo poderemos facer a última das saídas do programa Primavera en Ruta de Senda Nova, disfrutando da Ruta das Mámoas de Cabana de Bergantiños, con saída ás 9:00h do Concello de Laracha, ás 9:15 do local de Senda Nova e ás 9:30h do Concello de Coristanco.
Un domingo con cultura da casa
Ademais, tamén en Cee, teremos teatro por partida doble. O sábado ás 19.0h, os míticos Monicreques de Kukas co seu Xan Perillán e a maleta máxica. E o domingo ás 21.00h, a Escola municipal de Teatro de Cee estrea "Pequeno retablo de verdades e mentiras".
Teremos o domingo máis citas cos artistas locais. Ás 18:00 terá lugar a clausura da VIII Escolas Municipais de Teatro do Concello de Zas no salón de actos do Pavillón de deportes de Baio. Representaranse varias obras, unhas adaptadas e outras escritas polos monitores de teatro responsables da Escola de Teatro, Marco Álvarez e Pablo Soto "Pibe”, na que actúan os 34 alumnos que participaron na VIII Escola de Teatro en Baio e Zas.
Tamén, domingo a partir das 18:30h, toca Festival da Escola de Música Municipal de Vimianzo, para escoitar todo o que aprenderon os alumnos vimianceses durante o curso.
Máis información
Tendes toda as citas debulladas en:
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).