Xoves. 28.03.2024
El tiempo

Arranca a segunda edición do proxecto Youtubeir@s con 5.500 euros en premios

Arranca a segunda edición do proxecto Youtubeir@s con 5.500 euros en premios
presentacion-youtubeiros- Onte presentouse en Santiago de Compostela a segunda edición do Proxecto Youtubeir@s que promove o uso do galego na rede Os servizos de normalización lingüística de nove concellos (entre eles o de Carballo), as tres universidades galegas e a Deputación da Coruña, poñen en marcha a segunda edición do Proxecto Youtubeir@s co fin de promover e de lle dar visibilidade ao uso do galego a través da rede social de vídeos máis grande do mercado global: Youtube. A iniciativa pretende fomentar así a creatividade con temas propios e xerar referentes en galego dun novo axente con gran repercusión social dende o mundo dixital como son os/as youtubeiros/as. Así o adiantou onte en rolda de prensa, celebrada na facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago, a coordinadora de Youtubeir@s, Mónica Fernández Valencia, quen xunto a Martiño Noriega, alcalde de Santiago de Compostela; Goretti Sanmartín, vicepresidenta da Deputación da Coruña; e a vicerreitora de Servizos Universitarios da Universidade de Santiago de Compostela, María do Carme Silva Domínguez, detallou as liñas mestras do proxecto. Ademais, o acto contou coa presenza de José Antonio Cacabelos Rico, alcalde do Grove; José Andrés García Cardeso, alcalde da Baña; Pilar Pérez Faxil, concelleira de Cultura e Educación de Teo; Xosé Regueira, concelleiro de Normalización Lingüística de Carballo, e Belén Iglesias Cortés, concelleira de Cultura e Educación de Ourense. Na presentación destacouse a colaboración das diferentes administracións para lanzar a segunda edición de Youtubeir@s, un amplo proxecto que compila diversas accións que buscan un claro obxectivo: incrementar a presenza do galego nos vídeos de Youtube. Dentro desta iniciativa, recóllense varias liñas de acción que van dende campañas de incentivación do uso do galego a través da citada plataforma até a formación de youtubeiros e youtubeiras, pasando por actividades para outorgarlle visibilidade ao proxecto, pola dinamización nas redes sociais co obxectivo de xerar comunidade ou pola convocatoria dos Premios Youtubeir@s. Premios Youtubeir@s Nos Premios Youtubeir@s poderán participar todas as persoas maiores de 14 anos a través de vídeos de opinión ou videotitoriais autoproducidos en galego subidos a Youtube de xeito independente ou nunha canle. Todas as pezas participantes teñen que estar publicadas con data posterior ao 28 de abril de 2017 sen restricións de privacidade e cos cancelos #youtubeiras #youtubeiros na descrición. En total, o certame entregará 5.500 euros en premios, repartidos nun conxunto de categorías que incrementan o seu número con respecto ao ano pasado. Así, o certame dividirase nos seguintes apartados: vídeo-facermos, vídeo-opinarmos, canle, creatividade, eficiencia comunicativa, calidade técnica, calidade lingüística e o premio do público. Precisamente, este último galardón do público, chamado #propostayoutubeira, é unha das novidades deste ano, xa que as persoas usuarias da rede social Facebook poderán propoñer a través dun simple comentario no perfil de Youtubeir@s un vídeo do que sexan seareiros/as incluíndo o cancelo #propostayotubeira. Os vídeos propostos han de axeitarse ás categorías de vídeo-facermos e vídeo-opinarmos. As bases ao completo pódense consultar no web www.youtubeiras.gal e os premios entregaranse o vindeiro 20 de abril de 2018 nun acto público na Coruña no cal o xurado dará a coñecer os vídeos gañadores. Formación e festivais Por outra banda, o proxecto Youtubeir@s incluíra diferentes programas formativos que se desenvolverán nos concellos e nas universidades organizadoras. Os obradoiros serán impartidos pola produtora Illa Bufarda e farán fincapé nesta nova edición nas persoas maiores de 50 anos non familiarizadas coas novas tecnoloxías Ademais, Youtubeir@s estará presente en eventos culturais galegos como son o Culturgal (no que se realizará unha presentación pública cunha conversa con youtubeiros/as este sábado ás 13.00 horas no Espazo Foro) e festivais relacionados coa creación audiovisual e dixital, co obxectivo de crear sinerxias con festivais para a programación de contidos youtubeiros en galego.   Novas relacionadas Fonte

Comentarios