Arrinca un desenfadado Festival Interplay para poñer Carballo no centro das miradas do audiovisual

En marchaxa está toda a maquinaria da segunda edición do Festival Carballo Interplay de Contidos Audiovisuais #CIP15. Un evento que sitúa Bergantiños no centro do foco, no punto de mira de toda a vangarda da creación 2.0 galega, española e internacional. Este ano é de feito o do salto internacional con 18 webseries chegadas de moitas partes do mundo, entre as que atopamos México, Argentina, Francia ou Reino Unido. De aquí á noite do sábado, unha marea de actividades.

Así o contaba a directora durante a desenfada (un evento con esta xente non pode ser doutro xeito) presentación a directora, Sonia Méndez, un muller que é pura enerxía. Estiveron tamén os padriños, Teresa Segura e David Sainz, da webserie "Malviviendo"; e os convidados especiais do CIP15, Xavi Daura e Esteban Navarro de Venga Monjas. Os padriños do festival manifestaron a súa ledicia por poder repetir cita despois dos grandes momentos da primeira edición; e Venga Monjas achegaron a nota de humor e aseguraron que "aínda que isto non ten comezado, xa ten pinta de ser un encontro moi divertido”.

Aposta municipal

Cómpre deixar patente o apoio municipal, pois esta clase de iniciativas, como a de Derrubando Muros non se soen ver apoiadas polos Concellos da volta. O Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira, conta que Carballo está nun "punto no que se pode ofrecer benestar a través da Cultura", deixando claro que ”o Concello quere apostar polo gris, pero non polo gris do cemento, senón neste caso pola materia gris" e pola cultura.
Pola súa banda, o alcalde Evencio Ferrero, que o pasou de medo, subliñou que "Carballo está limitando co mundo e estamos encantados de que estes días o mundo limite con Carballo", nun festival que se converte nun "espazo vivo, alegre e ilusionante" o que xustifica que "mereza a pena seguir loitando pola mocidade e polos novos valores".

Primeiras proxeccións

Xa están en marcha as proxeccións e as primeiras votacións.

Un programa completo

O venres

Despois da intensa xornada de apertura do xoves, que remata entrada a noite coa estrea ás 22-00 horas de dous produtos audiovisuais: o capítulo 1x06 da webserie "Entertainment", titulado "La reunión"; e a comedia "Searching for Meritxell", de Burnin' Percebes e Venga Monjas, o programa do venres 17 comeza ás 10.00 horas no Fórum Carballo cunha Master Class con Belén Santa-Olalla sobre "Webseries e Conducttr - Claves e trucos para conectar coa audiencia". Conducttr é un software de engagement de audiencia, que busca adquirir, activar e outorgarlle unha experiencia diferente ao público. Belén Santa-Olalla é Senior Creative Consultant de Conducttr e ten experiencia traballando con solucións de mobilidade, creatividade transmedia e desenvolvemento de experiencias interactivas e de universos narrativos.

Continúa tamén no Fórum ás 12.00 horas cunha charla con Joan Carles Martorell (2btube) sobre "Youtubers, profesionalización e produción de contidos no tubo tolo". Así, a televisión tradicional está perdendo o público por debaixo dos 25 anos e YouTube preséntase como un novo prime-time cun ecosistema de profesionalización completamente novo. Joan Carles Martorell é licenciado en Comunicación Audiovisual pola UAB. Realizador audiovisual e produtor multimedia. Ten dirixido curtametraxes (premiadas internacionalmente), televisión e proxectos web, ademais de ser colaborador docente en varios centros universitarios. Xa ás 13.00 horas ten lugar a segunda edición do coloquio aberto con creadores "Vermú con CREA", un encontro informal entre creadores froito da colaboración entre o Carballo Interplay e CREA, a Asociación de Directores e Realizadores de Galicia.

Xa pola noite do venres, vén un dos pratos fortes do festival, o InterFight: I Encontro de labazadas audiovisuais. "Malviviendo vs. Venga Monjas”, presentado por Enrique Lojo e Daniel Vilaverde. Venga Monjas e Malviviendo cara a cara nunha noite que terá algo de combate épico e algo de concurso televisivo dos 90. A través dunha serie de probas, os nosos contrincantes diseccionarán os seus vídeos favoritos de Internet, porán a proba os seus coñecementos sobre Youtube e tentarán devolverlle os golpes ao adversario. Un evento no que o público, como xurado, decidirá quen sae airoso e quen bica a lona. Despois de cear, ás 23.00 horas, a Sala Dublín pon a nota lúdica cunha Sesión golfa con Poetarras. Poetarras é un colectivo arterrorístico formado por Manuel Gago, Rubén Lino e Daniel Vilaverde. Naceu en 2013 logo dunha noite de esmorga a base de licor café e Galicolas. Os 3 mozos decidiron facerlle a competencia a Resistencia Galega e converterse no referente da loita armada do pobo galego, aínda que tiveran que renunciar ao traballo e á parella que non tiñan. As súas armas serían sketches e cancións, humor e música, retranca e melodías, e para a súa misión contarían co apoio de arterroristas autónomos.

O sábado

O sábado arrinca no Forum ca Presentación con Beli Martínez e os participantes no obradoiro Proxecto Neme: la memoria audiovisual de Carballo. Ás 12:00h toca Conferencia + proxección con Belén Regueira, no marco do Código Fonte Audiovisual, falando de “Mulleres, homes e o audiovisual que os pariu”. E antes de comer, coloquio con Coloquio aberto sobre “Como facer rir en internet”, conducido por Paula Hernández, con Venga Monjas, Malviviendo e Burnin Percebes.

Pola tarde, e xa no Pazo, comezan as proxeccións ás 16:00h. E como peche, a Gala final partir das 20.30 horas, este ano presentada polos “Irmáns Lumieira”- sospeitosamente parecidos aos irmáns Lumière, inventores do cinematógrafo. Serán interpretados por Carlos Meixide, Tomás Lijó e Suso Alonso baixo a dirección de Sandra Lesta, e serán os encargados de levar o humor á cerimonia de entrega de premios.
De noite, na Dublín, concertazos.

Máis información

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).
  • Concello de Carballo.