mércores. 14.05.2025
El tiempo

#AxendaCostadaMorte: Fin de semana de teatro, música e exposicións

#AxendaCostadaMorte: Fin de semana de teatro, música e exposicións
AxendaCostadaMorte 19-10-13

Impresionantemente chea de actividades chega esta fin de semana do ecuador de outubro. Unha fin de semana que asínos define Carlos Balseiro, de 4gotas:

"O tempo desta fin de semana na Costa da Morte virá marcado pola presenza dunha borrasca que ocupa unha gran area no Atlántico, ao noroeste de Galicia. Esta enviará unha fronte fría moi activa cara a Península que entrará polo litoral atlántico galego o venres á tarde deixando vento e chuvia.Tras ela, irán achegandose distintas bandas de chuvascos algún deles forte e acompañado de treboadas.
Deste xeito, o venres amencerá co ceo cuberto e forte vento do Sur. Ao mediodía o vento acadará a forza 8 no mar (refachos duns 90 km/h en terra) e teremos chuvascos intensos. O vento e a chuvia irán amainando ao final da tarde, desaparecendo na noite, pero voltando na madrugada e na mañá do sábado de xeito intermitente, pero con algún chuvasco forte e acompañado de treboadas ademais de fortes refachos de vento. Na tarde do sábado pode haber algún chuvasco entre Muros e Fisterra pero moito máis febles e "só" con vento moderado.
Volverán os chuvascos na noite do sábado e madrugada do domingo, outra vez con risco dalgunha treboada, e aínda que con vento forte non será o do venres. No mediodía e tarde do domingo volverá a chover de xeito intermitente entre Muros e Muxía, quedando á marxe das chuvias ao norte de Muxía ata a tardiña cando tamén volverán.
As temperaturas en toda a fin de semana serán suaves. Entre os 16-17ºC de mínima e os 19-20ºC de máxima."

Axenda "indoor"

En todo caso, as actividades estrella xa son "indoor", sendo o teatro o verdadeiro protagonista, tendo tamén espazo para as exposicións ou a música. Comezamos a golpe de venres, coa primeira sesión do Outono de Teatro en Fisterra, unha nova cita co FIOT de Carballo, unha noite de maxia en Cee, ou a presentación dun libro micolóxico en Ponteceso.
Pero o venres deixa dúas citas se cadra máis importantes. A primeira en Vimianzo, coa Inaguración da exposición de Viki Rivadulla. A segunda, en Fisterra, co Concerto de Leö KCH.

O sábado amence no bosque, coas Xornadas Micolóxicas de Vimianzo, que durarán ata o domingo. Haberá tempo para unha exposición natural en Carballo e para o monólogo de Celso Sanmartín en Cee na xornada de portas abertas da Fundación Fernando Blanco. Ademais, a música será a protagonista na noite sabatina, con 3 concertos: Concerto de Jackie Brown en Vimianzo, Concerto de The Covers Band en Corcubión e Concerto de On Electric Band en Louro.

Teremos de novo dúas citas teatreiras na noite do sábado, unha no FIOT de Carballo e outra obra teatral en Muros.

Pero sobre todo será o domingo cando o teatro tome a Costa. Afianzada xa está a cita vimiancesa dominical, este día 20 toca un Acto Imprevisto de Ditea Cámara. Está en marcha ademais a Mostra de Teatro de Laxe con Badius Teatro. E como non, en Carballo nova cita co FIOT.


Máis información

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).

Comentarios