xoves. 15.05.2025
El tiempo

Carballo convírtese na capital da Cervexa co Oktoberfest

Carballo convírtese na capital da Cervexa co Oktoberfest
oktoberfest Carballo 2013

De todo trae un ano máis este IV OktoberFest de Carballo. A Asociación Cultural 13 Lagartos artella este evento festexeiro que se celebrará no aparcadoiro detrás da estación vella de autobuses, os días 24, 25, 26 e 27 de outubro.
O ano pasado foron 6.000 persoas as que pasaron pola carpa do Oktoberfest e este ano queren aumentalo.
A cervexa, como non, a gastronomía e a música en directo son as protagonistas desta gran festa.

A novidade é que este ano a tarde do domingo será adicada aos nenos. Todo na Carpa climatizada sita na explanada da rúa Perú.

Unha festa á alemana

Xa saben que nas Oktoberfest non existen mesas para dous. Un pode sentarse tranquilamente en calquera lugar e brindar xuntos cunha xerra de cervexa. E ollo, que a partir da 4ª volta, a base de rica Paulaner de trigo, o alemán xa parece que sae fluido fluido...

E a organización cóntanos un pequeno segredo de como naceron estas festas.É unha festa nacida como unha despedida de solteiro para un nobre alemán o 17 de outubro de 1810 e que a cervexa que se sirve ten que ser tan só de cinco marcas específicas de Munich, como son Spaten ou Paulaner.
Ademais cóntanos que, de acordo cos rumores, o brinde das xerras de litro de cervexa como demostración de confianza converteuse nun costume habitual na mesa. Na Idade Media era absolutamente usual matar os adversarios con veleno. Por esta razón, chocábanse as xerras con tal intensidade que a cervexa se derramaba ás outras xerras. Aquel que non brindaba por temor a que o seu veleno caese no propio vaso, era sospeitoso.

Haberá que levalo á práctica nestes 4 días de troula cervexeira!

Imaxe da OktoberFest de Carballo do ano pasado

Completo programa

A festa comezará o xoves 24 e se a apertura será ás 20:00h, a partir das 22:00h a música de The Covers Band encherá a carpa, antes de que o dj peche a noite.
Para o venres, as portas xa abren ás 18:00h, tocará primeiro sesión de contos coas "historias dunha lagartija", para deixar paso á música de "Soultrack".
O sábado xa comezarán a rodar os litros de cervexa ás 17:00h, e teremos unha completa noite de rock, con "Los Trámites", "Distrito 15100", "Porta con porta" e "Los Enfermos", tendo tamén un fin de festa a golpe de dj. E para o domingo, como dicimos, festa infantil, sesión de baile moderno coa "Escola da Rúa", e música con "The Gentlemen Band".

Máis información

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).

Comentarios