![]()
Os meses de maio e xuño chegan a Carballo cun completo programa de actividades de formación para familias e animacióne socialización en galego da man do
programa Apego.
As actividades arrincan hoxe co contacontos infantil
A modo, a modiño, de Trécola Teatro, na Ludoteca Municipal. Está dirixido a nenos e nenas de 3 a 8 anos e é necesario recoller convite na Biblioteca Rego da Balsa.
O xoves 10 de maio, terá lugar un obradoiro de
Descubrimento da disciplina positiva, que se desenvolverá no Pazo da Cultura e que está dirixido a pais e nais. Nel poden participar 30 persoas, e o prazo de inscrición – que debe facerse a través do Servizo de Normalización Lingüística – comeza o día 3 de maio. O obradoiro será impartido por Raquel Bello, psicóloga e guía en disciplina positiva de Espazo Oikos.
Achegándose ao Día das Letras Galegas, o martes 15 de maio a Biblioteca Rego da Balsa acolle o obradoiro
María Victoria Moreno, unha historia de amor, a cargo de Polo Correo do Vento, dirixido a nenos/as a partir de 3 anos, no que se traballará sobre a autora homenaxeada coas Letras Galegas neste ano.
Xa contra finais de maio desenvolveranse dous
Obradoiros prácticos Montessori no Pazo da Cultura, un para familias con nenos/as de 3 a 5 anos, que terá lugar o martes 22 pola tarde, e outro para familias con bebés de 0 a 12 meses, o xoves 24 pola mañá. Para ambos a inscrición comeza o día 15 de maio, e debe facerse a través do Servizo de Normalización Lingüística. Serán impartidos por Giovanna Pose, guía Montessori de Aura Carballo.
No mes de
xuño a primeira das actividades está pensada para bebés de 0 a 4 anos, e trátase do espectáculo músico-teatral
Gatuxo, unha proposta de Magín Blanco e compañía con música, teatro, contos e moito máis. Será o mércores 6 de xuño, ás 18.00 h, no auditorio do Pazo da Cultura, e a recollida de convites comezará o 30 de maio.
Ese mesmo día, pero para máis grandiños/as, a Biblioteca Rego da Balsa acollerá
Gliz. O pastor de nubes e o pintor de flores, un contacontos de Anxo Fariña para nenos/as a partir de 5 anos.
E, finalmente, pouco antes de comezaren as festas de San Xoán, tamén a Biblioteca Rego da Balsa acollerá a última das actividades deste programa en xuño, que será o contacontos musical
Musicreques, para bebés de 0 a 3 anos.
Futuras familias
Todas aquelas familias que están a agardar un bebé poden pasar polo Servizo de Normalización Lingüística, no Pazo da Cultura (981 704 304;
[email protected]), para inscribirse no proxecto Apego e para recibir, ademais de información, tamén a caixiña cos materiais de benvida ao mundo.
Programa completo
Máis información
Novas relacionadas
Fonte