Carballo volve facer da cultura alimento na Praza dos Libros
Volven os libros invadis as rúas do Concello de Carballo. Do xoves 28 ao domingo 31 de agosto, arrinca unha nova edición da #Prazadoslibros de Carballo, un deses programas culturais que achega a cultura ao veciño. Por exemplo, poderemos disfrutar, en primicia, dos ”Contos de taberna” xa en forma de libro.
Teremos literatura, actividades lúdicas, música infantil, presentacións, actuacións, lingua, autoras e autores da comarca e do país, pan e moitas outras propostas que encherán de vida e imaxinación o Xardín Municipal de Carballo durante catro días.
A inauguración desta nova edición da Praza dos Libros de Carballo terá lugar o xoves 28 ás 12.30 h, e o pregoeiro encargado de abrila será o historiador carballés Xan Fraga.
Un libro, un pan
De alimento en Carballo, podemos falar de palabras pero tamén de Pan. Así, o xoves a Praza dos Libros convivirá coa feira e o domingo 31 co feirón de verán de Carballo, de xeito que os libros virán cun pan debaixo do brazo... Durante toda a mañá do domingo repetirase, por oitava vez, a experiencia “Un libro, un pan”, e todas as persoas que merquen un libro serán agasalladas cun Pan de Carballo.
Para os máis peques
Un dos puntos fortes desta festa das letras sempre é a participación infantil. Así, as nenas e os nenos contarán con múltiples actividades, como o concerto humorístico Petiscos musicais, de Os Tres Tenedores (xoves ás 18.30 h), o obradoiro Xogos musicais, de Luís Prego (venres ás 12.00 h), a animación da Ciclobiblioteca (venres ás 17.30 h), o concerto infantil Merenda con pan de millo, de Migallas (venres toda a tarde), obradoiros creativos do grupo artístico Creaformas (sábado toda a tarde), o contacontos A maleta da avoa, de Raquel Queizás (sábado ás 18.30 h) ou o pasarrúas d’Os Bolechas (domingo pola tarde).
Presentacións de libros
O xoves pola tarde será a vez de Salseiros (Embora), do singular creador e percebeiro de Corme Suso Lista.
O venres, ademais das presentacións de Xogos musicais (Cumio), de Luís Prego (pola mañá, a través dun obradoiro), e de Merenda con pan de millo (Kalandraka), de Migallas (a través dun concerto), tamén se presentará o poemario Ningún amante sabe conducir (Positivas), da carballesa Rosalía Fernández Rial, quen fará un recital musical acompañada do pianista Serxio Moreira.
O sábado pola mañá toca fútbol, e diversos protagonistas deste deporte farán un debate para presentar Mar de paixón, a historia do fútbol da Costa da Morte contada por Héctor Pose e Luís Porto. Tamén o sábado, xa pola tarde, volverá a Carballo un dos autores máis relevantes das letras galegas, Xosé Neira Vilas, quen non quere deixar de participar nunca neste feira, e faino este ano con presentación dobre: Días de Cuba (Galaxia) e Epistolario diverso (Embora). E o mesmo sábado, ás 20.30 h, é a vez da presentación dunha especial primicia, o libro Contos de taberna (Embora), a compilación de textos e ilustracións de máis de trinta creadores/as que se inspiraron en bares de Carballo, e que agora chega en formato libro.
E o domingo pola mañá, ás 12.30 h, o enerxético e polifacético Xurxo Souto achegaranos os seus Contos do Mar de Irlanda (Xerais). Xa pola tarde, e a través dun recital, presentaranse os poemarios Chamádeme Eva (Caldeirón), de Mercedes Leobalde, e Transfusión oceánica (Caldeirón), de Xosé Iglesias. Ás 19.30 h outra primicia: Os Bolechas en Carballo (Bolanda), a aventura da máis coñecida familia da literatura infantil galega na súa visita á nosa vila, un libro que, ademais, será agasallado durante a Praza dos Libros con compras superiores aos 30 euros. E para pechar as presentacións da feira, ás 20.30 h é a vez de Ramón Vilar Landeira, que nos ofrecerá os seus relatos compilados en Os televisores estrábicos (Xerais).