Domingo. 06.10.2024
El tiempo

O teatro e a micoloxía enchen a primeira #AxendaCostadaMorte de novembro

O teatro e a micoloxía enchen a primeira #AxendaCostadaMorte de novembro
axenda-7novembro A pesar de que novembro é coñecido como o mes da música, a #AxendaCostadaMorte desta fin de semana volve  estar cargada de teatro e doutras actividades culturais e de ocio na que teñen cabida todos os públicos. Antes de facer un repaso máis completo das citas da finde vemos o "parte costeiro" de 4gotas.com. "O tempo na costa mellorará. Toda a a fin de semana predominarán as temperaturas agradables, con mínimas que non baixarán dos 15ºC e máximas sobre os 20ºC, sendo algo máis altas na zona de Malpica. Aínda así, hoxe o día estará gris entre Muros e Fisterra con algún que outro orballo. Xa de Muxía a Malpica non choverá e abriránse grandes claros. Nalgúns puntos da Costa da Morte continuarán os refachos fortes de vento do sur. Mañá sábado será un día de ceos despexados, azuis e sen vento a partir do mediodía. E xa o domingo amencerá despexado e sen vento. A medida que avance o día arreciará o vento do sur e chegarán as nubes. É posible que no final da xornada domingueira se rexistren algunhas choivas, pero para confirmalo seguide o prognóstico na web de 4gotas.com".   Xornadas micolóxicas Hoxe, ás 20:30 horas comezan no centro sociocultural de Zas as 2ª Xornadas Micolóxicas. Martín Souto Souto será o encargado de falar do mundo dos cogomelos e do cultivo e conservación destes. As xornadas continúan mañá cunha saída ó monte, unha comida e coa presentación e identificación dos exemplares recollidos. Tanto os asistentes como os non asistentes ás xornadas teñen a oportunidade de degustar cogomelos no restaurante Tívoli de Zas (custo 8€). Tamén esta fin de semana hai en Cee  un encontro cos cogomelos grazas ás Xornadas Micolóxicas Costa da Morte que xa van pola súa décimo quinta edición. A cita, que comeza o sábado ás 10:30 horas, está organizada por Pan de Raposo e inclúe saídas, conferencias, exposición e degustación. Teatro Durante esta primeira fin de semana de novembro, o teatro invade a Costa da Morte con obras para todos os públicos.
  • Malpica: O elenco da compañía Mamá Cabra interpreta a súa obra "15 primaveras". A actuación, que é hoxe, comeza ás 20:30 horas no centro cívico da vial.
  • Muros: O centro culltural e xuvenil de Muros ten programadas para hoxe dúas citas. A primeira, de balde, é unha charla sobre o alzheimer (17 horas). Un pouco máis tarde, ás 21:30 horas, Isabel Risco trae un espectáculo humorístico. A entrada ten un custo de 2,5€.
  • Santa Comba estrea hoxe o seu I Ciclo de Teatro da man de Talía Teatro que chega coa obra "Demolición". A cita, que será no multiusos, comeza ás 22 horas.
  • "Os sete magníficos máis un" traen mañá a Ponteceso a obra "Bivaldos como galegos". A actuación éá no salón de actos do edificios das Escolas e comeza ás 22:30 horas.
  • O domingo, o concello de Laxe continúa coa IX Mostra de Teatro de Outono coa obra "Brinquedos" de Metátese Teatro, de Palas de Rei. Como sempre, a función é as 19 horas no salón de actos municipal.
Encontro palilleiro Un auténtico espectáculo sonoro e visual será o que se vivirá mañá sábado no pavillón de Vimianzo coa Xuntanza das palilleiras e na que participan unhas 700 persoas. A exhibición será durante todo o día; desde as 10 horas ata as 19 horas. Andaina O bo tempo acompañará ós participantes da terceira saída do Outono en Marcha de Senda Nova. Nesta ocasión, percorrerán "As terras do marqués" que discorren polo concello de Carballo. A ruta, de dificultade media, é de 14 quilómetros. Outras citas culturais O xornalista Xabier R. Blanco presenta hoxe, ás 21:15 horas, na casa da cultura de Vimianzo o seu último libro: "Rosalía Mera. El hilo suelto". As letras tamén serán o motivo da cea deste sábado no restaurante A Cunca, de Buño. Ainda que antes, ás 20 horas, todos os galardoados nos dez anos da historia do Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas organizado pola asociación cultural Caldeirón reuniranse no centro cívico da vila. Concertos Os Bakin Blues Band actúan hoxe a partir das 00:30 horas no pub Nerio de Cee. E na tarde noite de mañá sábado a Costa da Morte vibrará coa gran cantidade de concertos que haberá en distintos puntos da comarca. En Vimianzo a cita é dobre. Por unha parte, o concello inaugura o programa "Novembro musiqueiro" cun concerto de músicos do municipio. Irma Macías, Rosa Oreiro, Jaime Vilaseco, Suso Andrea, Grupo Aserrín e Viruta e a Charanga Escándalo ofrecezarán o seu mellor repertorio nun concerto que terá lugar na casa da cultura vimiancesa ás 21:00 horas. Un pouco máis tarde, a partir das 23:59 horas, a banda Vintaxe trae ata o Celme de Vimianzo o mellor do rock dos anos 70 e 80. Manolo Couto, cantautor de Arteixo, presenta o seu último disco "Tesoros ocultos" no salón de Actos do Voluntariado de Muxía. A entrada é libre e a actuación comeza ás 20:30 horas. O salón de actos do concello de Fisterra acolle a partir das 19 horas un concerto didáctico-cómico, para todas as idades, da man de "Os sete magníficos máis un". Tamén o sábado, Ana Carreira ofrecerá un espectáculo de teatro e conta contos na casa da cultura de Corcubión ás 20 horas. Xa o domingo pola tarde, terá lugar no centro arqueolóxico do Dolmen de Dombate a presentación do disco Folcromías da man de Fernando Fraga e Óscar Ibáñez, como gaiteiro convidado. O acto comeza ás 17 horas.  

Comentarios