Unha #AxendaCostadaMorte de romarías, festas e cultura
Temos completa, como non podía ser doutro xeito, a Axenda para esta penúltima fin de semana de agosto. Teremos citas históricas, teatro do bo coa aposta de “Dumbría a escena”, poesía, concertos, festas comarea… E mesmo unha cita reivindicativa como Marcha pola Autovía Costa da Morte do sábado. Ademais, como nos contan dende 4gotas, parece que algo de tregua teremos co tempo, pero sempre con matices:
Venres e sábado amencerá con nubes nos arredores de Malpica. No final da mañá xa lucirá o sol.
O sábado será o día de máis calor, con máximas que chegarán aos 25ºC en Cee, Corcubión, Carnota e Muros, algo máis baixas no resto. O venres haberá 1-2ºC menos, e o domingo temos o risco da chegada de néboas desde o mar. Non perdades de vista o prognóstico en 4gotas.com porque a partir do mediodía poderían chegar esas néboas e facer que despois de comer teñamos que deixar a praia. O sitio onde máis tardarían en chegar sería entre Cee e Carnota, onde sen vento poderíase gozar dun domingo de praia moi agradable (se esas néboas non chegan ata o final da tarde, tal e como semella a día de hoxe):
Un venres completo
Arrincamos por este venres 22 de agosto, que chega moi variado. Podemos empezar a tarde en Corcubión escoitando unha charla histórica de Luís Lamela, nunhas xornadas reivindicativas para pedir o remate do Centro de Día. En clave histórica podemos acodir tamén á Presentación do catálogo de Naufraxios de Rafael Lema no marco do mosteiro de San Martiño de Ozón-Muxía, acompañado polas xentes da cooperativa Aurora de los Caminos.
Se queremos un pouco de teatro, as citas da fin de semana daranse en Dumbría coa primeira fin de semana das Xornadas de Teatro Dubría á escena. O venres, monólogo de Xosé Touriñán e o seu Manolo Lojo.
Teremos tamén un Concerto soul no Pub Dados de Corcubión.
E como non podía ser doutro xeito, arrincan as festas a golpe de venres, como son as Festas do Mar de Malpica, que non pararán ata o domingo.
Un sábado de festa e cultura
Son as festas as raíñas do sábado 23, e xa as sesión vermú comezarán o día a golpe de pasodoble. Temos as Festas de San Roque de Moraime, en Muxía; a Romaría de San Roque do Monte, en Mira, Zas; as Festas de Coristanco. Ademais, pola noite tamén teremos a Romaría dos Milagros d Traba, en Laxe; e as Festas de Arou, en Camariñas.
Pero ademais da troula, teremos varias actividades máis culturais. Para disfrutar dun bo solpor poderemos facer a Ruta Cultural por Vimianzo, ou ir ao fantástico Solpor Poético de Laxe, na incomparable Praia dos Cristais. Teremos cita teatral en Dumbría, e unha divertidísma e riquísima Cea-Concerto en Sardiñeiro.
Domingo de romaría e teatro
A maioría das festas terán sesión vermú dominical, pero é que o domingo tamén temos que incluír as Festas da Pereira, en Santa Comba; e as Festas de Canduas, que arrincan a golpe de domingo pero continúan xoves e venres que vén.
E que mellor que rematar a fin de semana co teatro dumbriés, e a obra “A ratoeira”, do Aturullo de Melpómene, un dos grandes grupos galegos do momento.
Máis información
Tendes toda as citas debulladas en:
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).