Luns. 09.09.2024
El tiempo

Varios colectivos da Costa na campaña ecolóxica Cousa de Raíces

Varios colectivos da Costa na campaña ecolóxica Cousa de Raíces
ADEGA lanza a campaña Cousas de Raíces

Máis de 40 colectivos e entidades defensoras do bosque galego e do seu aproveitamento sostible lanzaron esta fin de semana na Eira da Xoana a campaña “Cousa de Raíces”. Esta campaña, impulsada por iniciativa do colectivo ecoloxista ADEGA, pretende sumar esforzos e iniciativas en recuperar o valor do bosque desde o coñecemento, como recurso cultural, económico e ambiental.

E son varios os colectivos costeiros que forman parte da iniciativa: A Asociación de Amigos do Porco Celta Asoporcel, con moito arraigo na Costa, Enarborar o Bosque, iniciativa aberta trala loita contra a mina de ouro de Corcoesto, ou Ríos con Vida, entidade de ámbito estatal pero que leva loitado pola liberación de varios ríos costeiros.

O lema escollido trata de retratar o bosque como elemento vertebrador da nosa identidade, cultura e paisaxe, pero tamén da nosa economía e sociedade. As “raíces”, soterradas e ocultas baixo a terra, representan o piar fundamental do que é a nosa sociedade e do que será; ademais son sustento do que se fai visible no territorio, na paisaxe e no desenvolvemento económico-social. É “cousa de raíces” que entre todas e todos camiñemos cara un mesmo obxectivo na preservación do noso bosque.
“Cousa de Raíces” nace coa idea de conservar o bosque a través de dúas vías. Por unha banda, facendo presión mediática e política das obrigas da Administración no cumprimento da normativa existente; e por outra banda, a nivel social, potenciando unha conciencia colectiva sobre a importancia das árbores autóctonas e da súa conservación.

Campaña aberta e proactiva

“Cousa de Raíces” defínese como unha campaña aberta a todas as persoas, entidades e colectivos dispostas a traballar no obxectivo común de defender o noso bosque; e por tanto, proactiva, expansiva, coalvborativa, diversa e integral.
Alén dos 40 colectivos que a veñen de impulsar, a campaña quere acoller o apoio de moitas outras organizacións que poderán utilizar o seu logo, lema e a súa imaxe identitaria para acompañar as súas accións e actividades cara a este obxectivo.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios