Mércores. 08.05.2024
El tiempo

A previa: Ollo ás sorpresas que traian os Reis Magos

A previa: Ollo ás sorpresas que traian os Reis Magos
Na primeira xornada do ano, despois da noite de reis que tanto nos ilusiona, os equipos costeiros buscarán os seus regalos en forma de puntos o domingo 7 de xaneiro. Temos citas importantes para empezar o ano, rematando as primeiras voltas, época de balances no medio da tempada. Na Preferente Norte máis igualada dos últimos anos os nosos tres representantes necesitan sumar como o comer. O Xallas recibe ó sempre candidato ó ascenso Ribadeo, e o Sofán ó rival directo At.Escairón, vencedor do Dumbría a semana pasada. Os de Nacho viaxan a San Tirso nun partido que parece vital para as aspiracións do Dumbría de manter a categoría. Ferro do bo para os tres. Dumbría e Sofán deben vencer o domingo En 1ª parecida situación. O Baio é o único que viaxa, a Rianxo para enfrontar a un Unión que pretende o ascenso unha vez máis. Os outros tres xogan na casa. San Lorenzo e Fisterra, en postos de descenso reciben a Lalín e Piloño, que están na zona cabeceira da tabla. O Soneira, coa estrea do novo adestrador Pedro Gómez recibe ó Bastavales nun partido que vai a medir as posibilidades dos de Vimianzo para engancharse ós postos de arriba. E na Liga da Costa, ollo a estas xornadas de inicio de ano que sempre deparan sorpresas. O líder sólido, Mazaricos, vai a Coristanco, que ven de gañar á Esteirana e na súa casa sempre é un rival difícil. A Esteirana terá un bonito derbi ante o Monte Louro, nun dos partidos máis esperados desta xornada, que seguro que verá unha gran afluencia de afeccionados en Louro. Outro derbi quente terémolo en Xaviña entre o Cerqueda e o Malpica, cos equipos moi igualados pelexando por fuxir dos postos baixos da tabla. E para rematar de falar de derbis de cercanías, temos ese Muxía - Camariñas, coa histórica rivalidade entre os pobos e os equipos, que a bo seguro nos depara unha gran tarde de fútbol. Puenteceso, Baíñas e Corme pretenden acercarse ó Mazaricos vencendo a Zas, Outes e Lira, equipos necesitados de puntos para escapar da queima, e Cee e Buño veranse as caras na vila ceense coa intención de seguir poñendo puntos de por medio co descenso. Corme e Puenteceso queren acercarse ó Mazaricos Na 3ª Galicia, o Volantes - Camelle centra a atención da xornada, aínda que a visita do líder Muros a un renacido Nantón pode ser unha boa pedra de toque para os de Bibi. O Seaia, sempre impredecible, pon a proba ó Ameixenda, e Porteño e Corcubión mirarán quen dos dous perde boas opcións de acercarse ós postos de promoción. Castriz e Cabana teñen compromisos asequibles pero que se poden convertir en envenenados se non fan ben os deberes.

Comentarios