Denuncian unha obra abandonada no centro de Laxe dende 2005

Dende 2005 leva esta obra, sita na rúa Villa Amparo, 26, de Laxe, paralizada. En plena zorna urbana, é un incordio para a veciñanza, pero ademais supón unha barreira arquitectónica para as persoas con mobilidade reducida. Así llo traslada o grupo de Unidas Podemos Laxe ante a Concellería de Infraestruturas e Mobilidade e á Dirección Xeral de Persoas con Discapacidade.
A obra conta no medio da beirarrúa cunha base dun guindastre que dificulta o paso de calquera peón, incumprindo a Lei 15/2003 do 2 de decembro de 2003, así como o compromiso adquirido polo equipo de goberno en Decembro de 2019 para a eliminación de barreiras arquitectónicas tras participar na actividade “percorridos solidarios polos concellos da Costa da Morte" que realizan as asociacións Íntegro e Aloumiños.
Lamentan que haia na vila un "solar actualmente en condicións insalubres, entrando ratos nos edificios adxacentes".
Por todo isto, esixen medidas urxentes para solucionar a situación.