Fin de semana completa de deporte na Costa da Morte, con moito fútbol pero tamén balonmán, baloncesto, fútbol sala e mesmo xadrez. E non sen antes recordar o parte de sancións e protesta pública pola situación das ambulancias, repasamos a Previa da xornada no #futboldacosta. Unha xornada, a antepenúltima para o groso da competición ligueira, que será doble, pois se varios equipos xogarán dous partidos na fin de semana por mor da Copa, o festivo do martes 1 de maio hai xornada completa dos Dezaseisavos da Copa da Costa 2012.
Comezamos o repaso pola Preferente, que ten o sábado un partidazo entre Dumbría e Xallas, dous equipos que aínda teñen que certificar a súa permanencia. Ademais, o Santa Comba poderá botarlles unha man vencendo ao Santiago, e o Soneira pode escalar se vence ao Chantada. En 1ª, o Ponteceso tamén necesita sumar pero recibirá a todo un Noia, 4º na táboa; mentres que o Cee terá que seguir coa súa penitencia en padrón.
A Liga da Costa comeza cun vital Nantón-Sofán, que pode ser o último vagón da permanencia para os cabaneses. O seu máximo rival por evitar o descenso, o Zas, recibe a un Fisterra en forma, que busca volver á 3ª praza. Nesa loita, o Corme visitará o Pino do Val e o ao Malpica tócalle o sempre complicado Miraflores. Máis arriba, o Club do Mar poderá cantar defintivamente o alirón se gaña, ou se consegue o mesmo resultado que o Camaruñas, que terá que visitar o campo de San Pedro de Castriz.
A 3ª, terá un tremendo Montelouro-Coristanco, co pase á Liguilla de ascenso en xogo, cos loureáns 7º, a 3 dos coristanqueses. Ademais, o Cerqueda terá que superar a un Laxe que de vencer aínda ten posibilidades. Esperará resultados o Volantes, que ten xornada de descanso, que aproveitará para rendirlle unha homenaxe á súa envexable afección cunha festa a golpe de sábado .
A falta de 2 xornadas, ademais desta, tamén para que remate a Liguilla Previa á Fase de Ascenso á Liga Galega Xuvenil, 4 equipos seguen buscando as dúas primeiras prazas. Desta volta non haberá enfrontamentos directos entre eles. E ollo ca volta dos cuartos da Copa.
E tamén remata a Liga de Veteranos, xa con todo decidido. Pero ollo que xa pensan na Copa. De feito, o sorteo da COpa da Costa de Veteranos será o principal punto da orde do día na Asemblea de Socios que celebrarán hoxe venres 27 de abril ás 21:30h no Salón de Actos do Local da 3ª Idade de Neaño (fronte a Bar Paris), en Cabana.
Esta fin de semana (27, 28 e 29 de abril) Carballo será unha festa do deportes. Cunha xuntanza de PequeBasquet e co espectacular sector do Campionato de España en categoría Xuvenil, en Carballo, cos 4 mellores equipos do noroeste español, entre os que está, por suposto, o Ifecgas Pereira, cadro xuvenil do Xiria.
O cadro cadete da Esteirana-Perruquería Koletas xoga este domingo 29 a ida da Semifinal do Campionato Provincial Cadete, ás 12:00h no Pavillón X. Lago ante o Ex Alcohólicos da Coruña.
Festa deportiva en Aspadex
O sábado 28 de abril a Asociación ASPADEX, de Cee, organiza unha xornada de atletismo para a que solicitamos a máxima difusión no seu medio de comunicación.Informámoslles de que o vindeiro sábado, día 28 de abril, a Asociación ASPADEX de Cée, organizará a II Xornada da Liga Provincial Interclubes para persoas con discapacidade intelectual da Coruña, na modalidade de Atletismo. A actividade desenvolverase no estadio municipal “San Paio de Refoxo” de Cée, dende as 10:30h ata as 14:00h, e conta coa colaboración da Concellería de Cultura e Deportes de Cee e Begano-Cocacola.
Hoxe remata o prazo para inscribirse no 1º Torneo Concello de Muxía, que organiza o Clube de Xadrez Cabo Touriñán. E de momento xan van uns 150 participantes. Entre eles se atopan varios campións e subcampións galegos que representarán a Galicia no campionato de España e un xogador do Club Alfil de Gijón que representará a Asturias.