Xoves. 18.04.2024
El tiempo

Xogando aos médicos co #fútboldacosta

Xogando aos médicos co #fútboldacosta

Contamos hoxe a historia dun xogador do #futboldacosta que tivo que agardar ata 6 horas cunha fractura na tapa frontal do cráneo sen ser trasladado a un hospital competente. Unha historia complexa, que roza o escándalo, pero que non se sabe por onde atallar. Malos convenios da Federación Galega de Fútbol coa Mutualidade (que non se atreve nin a coller o teléfono) e as empresas de ambulancias? Recortes de sanidade afectado ao fútbol modesto? Neglixencia do Hospital Virxe da Xunqueira de Cee?
Non podemos asegurar de que se trata, pero dende logo si que podemos afirmar que as privatizacións e o exceso de trámites administrativos provoca un furado burocrático que xoga ca vida, neste caso, dun xogador da Costa.

Un choque na Liga da Costa

Xogábase o partido da Liga da Costa entre O Pindo e Corcubión en Lombáns. Un choque fortuito entre o corcubionés Sebas e un xogador carnotán acababa co Sebas no chan. De contado comezaba a sangrar polo narís e unha marca na fronte facía presaxiar o peor.

Alertados polo furado na fronte, chamaron ao 061 (é aquí un dos puntos claves da problemática, como veremos despois) Non tardou en chegar, pero a ambulancia do 061 só podía levalo ata o centro hospitalario máis cercano. Isto é, o Hospital Virxe da Xunqueira de Cee, a pesar de que a Federación ten a Mutualidade (o servizo de atención sanitaria aos futbolistas federados) co Hospital Santa Teresa da Coruña.

Tras facerlle unha proba no hospital ceense, explicaron que tiña unha fractura na tapa frontal do cráneo. Tiña que operarse con urxencia, pero non en Cee, se non no Hospital da Coruña. Aquí chegou o problema, como trasladar ao lesionado dun hospital a outro?

Da dificultade de conseguir unha ambulancia

Algo que parece tan evidente convertiuse nunha auténtica odisea. O Hospital Virxe da Xunqueira non tiña obrigación de levar en ambulancia aos corcubionés ata o Hospital Santa Teresa (o concertado pola Federación e a Mutua), pois non ten convenio coa Mutualidade da Federación Galega de Fútbol e ademais non ten servizo de neurociruxía. Segundo denunciaron os afectados "nunha clara demostración de falta de ética, e mesmo rozando a neglixencia sanitaria, o Hospital ceense desentendeuse totalmente de conseguirnos unha ambulancia".
Dende o centro hospitalario, o sub-director, Cándido Díaz, explícanos que "intentamos realizar todos os trámites administrativos para trasladarlo ao Santa Teresa, que hai que recordar que é un hospital concertado, non o hospital de referencia do Virxe da Xunqueira, o CHUAC. Pero ao non termos un glasgow 15, é dicir, ao non haber déficit neurolóxico e non existir criterio de gravidade, esperamos a ver se se solucionaba. Non podíamos enviar unha das nosas ambulancias pois calquera posible paciente podería ter necesidade do transporte sanitario en caso de urxencia."
Foi máis aló o subdirector do centro botando o balón no tellado da Mutua, afirmando que "unha vez que o xogador depende dunha Mutua, a profesional que atendeu ao xogador intentou poñerse en contacto con este pero a Mutua dixo que só traballaba de luns a venres". Un polo outro e Sebas esperando.

Solución con aval personal

A directiva do clube corcubionés e a familia quedaron atónitos ante a falta de axuda do Hospital VdX. Sen tempo para pensar o presidente do clube, Casimiro, chamou ao presidente da Asociación de Clubes da Costa da Morte, Manuel Caamaño. Caamaño falou coa Federación, coa ASEFA (empresa privada de seguro que é a que agora ten adxucado o servizo sanitario no fúbol modesto); falou tamén coa Mutua, e coa empresa de ambulancias, e co Hospital da Coruña, emais co Santa Teresa... Pero non houbo resultados ata que el mesmo avalou co seu nome o pago da ambulancia como responsable da Asociación de Clubes.
O propio xefe da empresas de ambulancias asegurou que estaba avisado para non enviala porque non ían cobrala, segundo o que lles sinalara a Asefa. Así, en medio do Barca-Madrid, e entre respostas de evasivas, Sebas non chegou ao Hospital da Coruña ata pasadas as 2:00h da mañá, tras pasar case que 8 horas no centro ceense.

O caso é que a Federación xa está a investigar que pasou coa ambulancia. De tódolos xeitos, cómpre alertar que a Federación xa enviou un teléfono da empresa de ambulancias contratada a través do seguro deportiva da Mutualidade para que todos os clubes chamen a el cando sexa necesario un traslado. Pero esta empresa só está obrigada a ir polo xogador ao campo de fútbol, por iso, e unha vez que estaba nun centro sanitario e por tanto sen risco de perigo, a empresa acolleuse ao contrato, e sen saber se ía cobrar ese traslado esperou ata o último instante para enviala.

Que facer en caso de urxencia?

Explíca a Federación o Protocolo de Actuación en caso de Urxencia no apartado "Mutualidad" da web futgal.es. I é todos os clubes federados teñen xa o número de teléfono da empresa de á que hai que chamar en caso de urxencia grave (a pesar de que pode chegar a tardar ata 2 horas dende Culleredo ata Fisterra, por poñer un exemplo). Deste xeito son:

  • Para os clubes vencellados á Delegación da Coruña: Ambulancias Apóstol de Culleredo (981 62 19 92).
  • Para os clubes vencellados á Delegación de Santiago: Ambulancias Casablanca (981 55 44 55)

Sebas segue no Hospital

A día de hoxe Sebas xa está en planta no hospital Santa Teresa. De momento parece ser que non o van operar. Os médicos agardan que a fractura da fronte vaia soldando.

Así que dende aquí lle mandamos un saúdo xigante dende toda a familia de QPC Deportes e en nome do fútbol da Costa, pois foron moitas as preguntas que nos fixeron durante esta semana xogadres e adestradores da zona interesándose pola súa recuperación.

Parálise no fútbol da Costa?

A situación é tan preocupante que xa se están dando casos de xogadores mancados sobre o terreo de xogo que van ao hospital ceense afirmando que foi unha lesión acontecida na rúa, para poder ser atendidos. Así lle ocorría esta fin de semana a un xogador no encontro Muxía-Porteño.

"Un auténtico esperpento, un escándalo tremendo", apunta o propio Manuel Caamaño, presidente da Asociación de Clubes da Costa da Morte. "Hai que solucionar isto porque os xogadores non poden seguir nesta situación de incertidume. Temos que solucionar os problemas coa mutualidade, e de feito amenazamos con parar as competicións".

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios