O coristanqués Cristian Muíño, campión do I Circuito Correndo pola Costa da Morte

Despois de 8 carreiras por 8 concellos da volta, máis de 2000 participantes, esta fin de semana remataba en Muxía o I Circuito de Carreiras Pedestres Correndo pola Costa da Morte. Unha proba clara de que o atletismo é un deporte en auxe, deixando claro que aquí nos gusta máis saír a correr que non ir facer running.

A I Carreira Pedestre de Muxía servía para poñer o punto e aparte a este pioneiro Circuito. Foron máis de 250 participantes, 120 en categioría Sénior, os que desafiaron ao tempo na mañá dominical. Pero é que ademais viña pendente dunha posible loita no máis alto, pois Míchel Antelo chegaba con algunhas posibilidades de arrebatarlle o título a Cristian Muíño.

O de Coristanco chegaba líder e como gran favorito, e non decepcionou. Quedou campión, sacando case que medio minuto ao compostelán Manuel Nodar. 3º foi o carballés Javier Seoane Puga, por diante de Albertou Carou Carril, de Bertamiráns (3º na xeral), o lucense Jesús Rego e o vimiancés Míchel Antelo, que chegaba con posibilidades de superar a Muíño pero que nada puido facer ante o gran ritmo desta proba final.
Máis nomes costeiros se achegaron pola zona alta, como o noso compañeiro ceense Jorge Lariño, o zaense César Vázquez Agra ou o xalleiro Gonzalo Silva Brenlla, todos entres os 10 primeiros. Pero tamén atopamos por aí ao corcubionés José Manuel Lago Cés, o de Brens, Arturo Pasantes, o carnotán Josecho González Rey; o ceense Kiko Lago ou o muxián Javier Barrientos Oreiro, que tivo a honra de ser o mellor atleta local.

Xa en categoría Feminina, a vimiancesa Teresa Castro, unha das nosas veteranas, proclamábase campiona desta proba muxiá, por diante da herculina Eva Portas e da ceense Belén Pérez Martínez.
Na Xeral non houbo demasiada competitividade, pois só houbo dúas atletas que fixeron o número mínimo de probas para puntuar, e precisamente Belén foi a campiona global, por diante da de Zas, Carmen García García, que quedaba 5ª nesta proba.

Os peques ao poder

As probas dos peques foron das máis movidas, pois as familias moven moita xente. O alcalde Félix Porto foi o encargado de facer a entrega das medallas.

Quedamos pendentes pois da cita do ano que vén deste Circuito, que xa se marcou grandes logros dende o seu comezo e que seguro ten un fabuloso futuro para seguir vertebrando a Costa da Morte a través do deporte.

Máis información

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).