Nova xornada completa de Fútbol da Costa na penúltima fin de semana de novembro. Pasada por auga ademais. Pero aquí seguimos traendo os 80 resultados e a análise da xornada.
E comezamos por arriba, con novas dispares para os nosos na 1ª Autonómica - Clínica Vértebra. Non acaba de atopar o sitio o XSC. O cadro de Coméndez, con moitas baixas, está en liña descendente e non consegue darlle a volta cando a cousa se pon de costas. A boa nova protagonizouna o Dumbría, vencendo en Dubra e colocándose 5º, a só 1 punto da Promoción de ascenso, e a 6 do liderato.
Matéñense as liñas ascendentes e descendentes dos equipos costeiros da 1ª Autonómica - Clínica Vértebra. Gañaban Baio, Malpica e Sofán, e perdían Corme, Soneira e Esteirana. Os sofanistas seguen líderes, tras vencer no primeiro partido da súa historia en Compostela ante o Amio, e sacan 4 puntos ao segundo clasificado, un Baio que non fallaba en casa ante o Lesende. A terceira vitoria chegada dende Malpica, que conseguía remontar ante o Agolada e xa alcanza a metade da táboa. Pola zona baixa quedan Soneira, Corme e Esteirana, estes dous últimos en postos de descenso, tralas súas dolorosas derrotas pola mínima.
Segue o San Lorenzo impecable na 2ª Autonómica - ES Bazarra. Non sacaba nada de Verdillo o Cabana, e os carballeses sacan 4 puntos ao Zas, que tivo que suar tinta para vencer en Ara Solis nun choque convulso. O Castriz caía en Vimianzo ante o Baíñas e perde lixeiramente o tren, permitindo que Buño, Outes, Mazaricos, Volantes e Baíñas (os 5 conseguían sendas vitorias) queden a tiro do grupo cabeceiro. Por abaixo, Camelle e Montelouro seguen paralizados, pero o Ponteceso tampouco acaba de arrincar.
Intensa a xornada na 3ª Autonómica - Clínica Xunqueira. Descansaba o líder, o imbatido Ameixenda, e a cousa está que ferve por detrás, con 5 equipos nun punto. Cerqueda e Lira quedan con 18 tras vencer ao Castrelo e ao Corcubión pola mínima, mentres Coristanco, Corcubión e Nantón quedan con 17 puntos.
Boa xornada nos Xuvenís. Na Liga Xuvenil Sur, Gr.2 - MáisDeporte, co Dumbría ao seu (xa saca 7 puntos ao segundo tras vencer ao Castriz), Os MIúdos afianzan a súa segunda praza tras vencer ao Cee. Por detrás, empatados na 3ª praza, XSC e Esteirana, que precisamente asinaban un vibrante empate en Esteiro. O Outes, tras vencer ao Fisterra, aínda está a tiro da 3ª praza, mentres fisterráns e ceenses daban un paso atrás nas súas aspiracións. Mentres, o Cabana mantense forte na Liga Xuvenil Norte, G.3 - MáisDeporte tras vencer a un moi bo Ponteceso. O Camariñas queda a 3 puntos tras vencer ao Zas, e o Porteño a 4 tras gañar en Laxe. O Coristanco perde un pouco o ritmo e queda a 3 puntos da 3ª praza tras empatar na casa ante o pechacancelas. O Corme aínda está aí, pero perdeu unha boa ocasión de pasar aos coristanqueses pero non pasaron do empate ante o Baio.
Cambio de líder na 1ª División dos Veteranos. O Hosgram recupera o liderato tras vencer a todo un Soneira, e aproveitar a derrota do Coristanco ante o Bértoa. Zas e Dumbría, ademais, non pasaban do empate ante Castriz e Milagrosa. Xa na 2ª División, o Agualada escapa, xa con 6 de vantaxe sobre o Erbecedo, tras vencer, con apuro, ao Deportivo Carballo, e o empate do Erbecedo ante o Buño. Porteño e San Isidro tampouco puideron seguir o ritmo do líder.