Fin de semana de 12 e 13 de novembro e unha nova xornada en xogo. E completa, ademais. Na Preferente os nosos terán unha boa oportunidade para sacar algo positivo tanto en casa como fóra. Mentres os dous equipos de 1ª, aínda en serios problemas, terán que superar a rivais da súa propia liga./p>
A xornada na Liga da Costa vén con dous encontros ben interesantes. O Muros-Camariñas (3º contra líder) e o Malpica-Fisterra, adiantado ao sábado, serán os máis intensos. Pero a xornada tamén mira para a zona baixa onde haberá 3 enfrontamentos directos: O Pindo - Mazaricos, Corcubión- Nantón e Buño - Castriz.
Na 3ª, o Coristanco estrea liderato (conta cun partido máis que os 3 perseguidores) enfrontándose nada menos que ao Porteño, que servirá para medir as verdadeiras intencións de ambos conxuntos. Se Montelouro e Cabana teñen encontros asequibles ante Corcoesto e Independiente (ollo cos carballeses) o Outes terá que lidiar cun rival en racha, o Volantes de Baño que intentará levar o seu fútbol tamén fóra de Miraflores. Esta semana descansa outro dos de arriba, o Carnota.
E ollo, que ademais que o domingo hai unha cita coas dúas rodas na I Marcha BTT pola Ruta das Férvedas, unha boa ocasión para os amantes das bicis de montaña e da natureza. I é que a ruta carballesa merece a pena.