Nova xornada completa do fútbol costeiro. E o máis destacable é a vitoria do Santa Comba na Liga Xuvenil Sur. Os xalleiros vencían en Vimianzo ao Soneira, e á falta de unha xornada para o remate da Liga Xuvenil Gr.3, proclámanse campión da liga e xogarán a fase de ascenso á Liga Galega.
Polo demais, o Soneira suma e segue puntiño a puntiño. Na 1ª o Cee segue afianzando a súa candidatura ao ascenso. Onte vencía e convencía en Fontenla e mantén o liderato. Ademais queda máis solitario xa que o Olímpico caía e tan só o Unión o segue de preto a 2 puntos. Pola súa banda o Dumbría, que recuperou o olfato goleador de Adrián Mackaay, achégase ao ascenso e queda a 2 puntos do Xallas.
Na Liga da Costa, o Camariñas, do que hoxe coñecemos máis os seus segredos, afiánzase como a única alternativa ao Ponteceso tras vencer con claridade ao Club do Mar, nun encontro algo máis igualado do que reflicte o 3-0 final. Os de Berto tampouco fallaban no derbi ante o Corme, malia que o meta pontecesán tivo que parar ata dúas penas máximas.
Por abaixo as cousas ponse complicadas para o Porteño, que caía ante O Pindo nun encontro crucial. As vitorias do Buño en Fisterra, e da Esteirana ante o Vimianzo, e o empate do Carnota en Baio, deixan a Carnota, Vimianzo e Porteño nunha situación complicada, cunha fenda de 6 puntos entre Porteño e os de arriba.
Na 3ª, o resultado máis destacable foi o empate do líder, o Nantón, no Cunchido, un deses campos que vai ser xuíz e parte da Liga. Triple empate pois no máis alto da táboa, co Corcubión e Mazaricos. A outra nova destacada foi a derrota do Cerqueda ante o Coristanco, que deixa aos de Rochi a 7 puntos do trío de cabeza, e aos coristanqueses a 9.