Esta fin de semana quedou marcada pola morte de 2 rapaces de 20 anos nun accidente de tráfico en Corcubión, ocorrido na madrugada do sábado ao domingo. O fútbol da Costa púxose de loito e, de feito, o Montelouro-Carnota foi suspendido pois un dos falecidos era carnotán. A xornada chegou con máis incidencias, como a lesión de Miguel Camarón, que rompeu un pé e tivo que saír en ambulancia.
E xa centrándonos no fútbol, o partido da semana era ese derbi xalleiro, onde o cadro laranxa puido co verde nun ambiente de auténtica festa. Con todo, o poderoso Santa Comba non foi moi superior ao cadro de Iván Cancela, pero con estes 3 puntos xa se mete no podio. O que si venceu con claridade foi o Soneira, que sumou a primeira vitoria da temporada e xa alcanza a un Dumbría que volveu de Viveiro cun puntiño.
Na 1ª Autonómica, non foron boas as novas dos nosos. O Cee, tras adiantarse dúas veces ante o Vizoño, quedou cun só punto no peto. Peor lle foron as cousas ao Ponteceso, que con 11 xustos máis varios xuvenís, volvía de baleiro de Vilaboa.
A Liga da Costa segue como estaba. O Club do Mar segue dando argumentos para situalo como gran favorito. Pero por detrás, Dumbría B, Malpica e Camariñas demostraron que non llo van deixar fácil e volveron sumar 3 puntos ante Nantón, O Pindo e Corme. Por abaixo, O Pindo segue sen sumar, con Corcubión e San Lorenzo cun só punto. O Mazaricos dá síntomas de mellora co seu empate en Zas.
A 3ª Autonómica chega marcada polo suceso e a suspensión do partido da xornada entre o ata onte líder e o aspirante Carnota. Agora ocupa o primeiro posto un Outes que parece ir en serio e hoxe facía 8 ao filial fisterrán. O Alcaián segue apuntando alto e sufría pero superaba pola mínima ao Independiente, igual que o Porteño co Soneira B. Cabana, Cerqueda (que descansaba) e Volantes tamén amosan a cabeza por arriba.
Nas Ligas xuvenís vanse marcando diferencias. Polo Norte o Dumbría B segue abusando, pero nin Malpica nin Cabana vanllo poñer fácil. Polo Sur, o Cee é o que mellor comeza, co Outes pegado.