Fin de semana de verán en pleno outubro que parece que non sentou ben aos nosos. Sobre todo aos das ligas de arriba, que non sumaron unha soa vitoria entre os 6 equipos da zona na Preferente e 1ª Autonómica.
Mala xornada para os Soneira, Dumbría, Xallas, e Santa Comba. Só os soneiráns conseguían sumar, un puntiño, ante o Xove na casa, e iso que os da Mariña estaban en posto de descenso. Os dumbrieses, que comezaban a remontar, caían ante o Grixoa, ao que deixan pasar. Os xalleiros de verde non podían cun Mugardos que tamén pasa ao grupo de 3 formado por Soneira, Xallas e Dumbría colocado na metade da táboa. Outra cousa foi o choque do Santa Comba, que recibía en Fontenla a toda unha SD Compostela, que xa suma 7 de 7. Os composteláns sufriron para superar aos de Gelucho.
Na 1ª, non dan arreado. Os de Berto non pasaban do empate na casa ante un frouxo Flavia, mentres que os ceenses, non cumpliron o tópico do "adestrador novo, vitoria segura". A marcha de Pato non parece que vaia ser un revulsivo, e os ceenses dirixidos por Llanero, deixaron escapar 3 novos puntos ante o Eume.
Continúa fervendo a Liga da Costa. Onte o Club do Mar daba conta dun Sofán que leva un dos peores comezos dos últimos anos. Pero o partido da semana era hoxe, e na Pedra Queimada, onde o Camariñas deu un pao enriba da mesa e endosou un 0-4 ao Malpica. Os de Manolín marcaron dous tantos ao fío do descanso que sentenciaron o choque e xa os colocan 3º detrás do Dumbría B. Precisamente o filial dumbriés facía un dos peores encontros deste comezo de campaña, e non pasaba do empate ante un Corcubión que vai a máis.
Bonito foi o Corme- Buño, con 8 tantos, e o Muros-Nantón con outros tantos pero menos repartidos. Cómpre destacar tamén a primeira vitoria do San Lorenzo de Chema Eirís ante o Mazaricos, así como a derrota do Zas co Castriz.
Non fallan os da zona alta da 3ª. O Outes segue forte e, malia sufrir, superou ao Independiente. Non se pode confiar porque pisando os talóns chega un Montelouro que parece decidido a voltar á Liga da Costa. 3-0 vencía ao Fisterra B e xa van 6 de 6. Un grupo de 6 equipos chega por detrás: O Cabana, que vencía ao Xaviña pola mínima; o Coristanco, que nun dos partidos da semana vencía ao Carnota, que se descolga lixeiramente; e o Cerqueda e o Porteño que empataban noutro dos choques da fin de semana na categoría.
Nas Ligas Xuvenís, seguen mandando Outes e Cee, con moita claridade, na Liga Sur, pero parece que Soneira e Santa Comba volverán demostrar o que o ano pasado.
Polo norte, o Zas conseguíu empatar co Dumbría B, que non cedera ata o de agora. Mentres o Malpica segue intratable, e o Ponteceso parece que vai collendo o tono competitivo.