Resultados do fútbol da Costa na fin de semana do Pilar
Nova xornada do #futboldacosta esta da ponte do Pilar. Comezamos a crónica da xornada pola Preferente na que os nosos sumaron bos resultados. Onte adiantaban o partido Dumbría e Soneira, e se ben os dumbrieses non pasaban do empate a 0 ante O Val, perdendo unha boa ocasión para subir máis postos, o Soneira si que sumaba os 3 puntos e se coloca 8º a 1 só punto dos de Canosa. Hoxe, o XSC resarcíase da derrota da semana pasada e superaba con claridade a un rival directo, o Ribadeo, ao que deiuxa a 4 puntos. Os de Corredoira seguen 3º a 1 do Boiro e empatados co Grixoa.
En 1ª, resultados dispares oara os nosos. Malpica e Camariñas sumaban fantásticas vitorias ante o Estudiantil e Bertamiráns b, que os deixan 7º e 9º. Por contra, o Ponteceso deixou escapar de novo 2 puntos ao non finiquitar o choque tras colocarse 2-0 por diante e quedan con 7 puntos de 12º. O Fisterra conseguía un empate ante o Unión que sabe a pouco, quedando o equipo con 5 puntos en zona de perigo.
Na Liga da Costa, o Sofán segue intratabable. E xa parece que o da SD vai en serio, pois son 7 encontros sen coñecer a derrota e hoxe vencía por un claro 3-0 a un Volantes que chegaba moi arriba. Non dan tregua por detrás Corme e Esteirana que sumaron sufridas vitorias ante uns colistas que melloran cada partido, Cabana e Dumbría B que xa colleu Ángel Canosa ante a marcha de César Ferrío. O Baio tampouco quere descolgarse e venceu ao San Lorenzo, e o que parece que vai collendo o ritmo é o Cee, que vencía en Muros con rotundidade.
Sitúase o Porteño líder na 3ª tras sumar o seu 6º triunfo consecutivo. Os da Ponte solventaron con oficio e eficacia o choque ante o Alcaián, e sacan agora 2 puntos ao Independiente. Os carballeses non puideron pasaro do empate ante un Lira moi aguerrido que creou moito perigo. O Camelle, que se mantén 3º a 3 puntos do líder, caía ante o Fisterra B nun partidazo en Ara Solis. Ademais, Ceruqeda e Ameixenda asinaban táboas e se manteñen a tiro, como o Lira, mentres que Soneira B vencía onte ao Laxe colocándose en postos "uefa" e deixando abaixo aos laxenses.
En xuvenís o Fisterra deu a volta á Liga superando por 2-1 ao XSC que chegaba imbatido a Ara Solis. A igualdade é total e o Dumbría empata aos xalleiros que quedan a 2 do Fisterra tras soprender cunha contundente vitoria en Mazaricos, mentres que o Cee se pon a 6, igualado cos amarelos. Polo norte, Malpica, de novo con Juny cun hattrick como protagonista, e Ponteceso seguen firmes. Os pontecesáns sufriron no derbi pero solventaron a base de veteranía con vitoria. O Cabana non cede e superou ao Laxe con solvencia, e o Baio tampouco parece que vaia deixar escapar esas 3 prazas con facilidade, e venceu, pola mínima, ao Camariñas.
Nas Ligas Galegas, só o Dumbría cadete colleitaba un bo resultado sumando unha nova vitoria que o mete segundo na táboa. O Bergantiños, que chegaba imbatido a Luga caía ante o filial do CD Lugo. En infantís, os de Juan Purrúa sufrían a primeira derrota ante o Boiro, igual que o Bergan ante un potente Deportivo.
En infantís Fisterra e Cee seguen imbatidos (o Cee cun partido menos) mentres que XSC, Baio e Cabana tamén son firmes candidatos.
Ollo aos Veteranos, que esta foi unha xornada completa, con novidades. O Cabana queda líder imbatido tras vencer en Zas. Por detrás o Xuv. Bergantiños que ten un partido menos e tampouco coñece a derrota tras vencer no derbi co Bergantiños. O Soneira, que comezara con moita forza, caía ante un Corcubión que quere meterse arriba.