Luns. 01.06.2020
El tiempo
Hector Pose
07:00
10/10/12

O Míster

SD Ponteceso no antigo Campo Municipal en 1974. Dos anicados e empezando pola esquerda, Moreira é o cuarto e José Antonio Cambón é o último, ao carón do célebre e desaparecido masaxista Félix

Non nacemos aprendidos. A familia, a escola, os amigos, os mass media…esa tribu toda, vainos ensinando por acción ou mímese. Transmítennos coñecementos, valores, estratexias para que cada quen sexa na vida…para seguir aprendendo. Tamén no fútbol ocorre algo semellante: por imitación ou por ser aleccionados, os xogadores fanse a base de esforzo e boa dirección, mesmo os mellor dotados. E para iso, en gran medida, están os adestradores, eses pedagogos da educación física e da táctica. Por vocación ou oportunidade, por amor a unhas cores ou porque non son quen de abandonar definitivamente un deporte que os cicelou como persoas. Sabedes de quen falamos. Á par coas directivas, son alma mater dos equipos, impregnándolle personalidade ao xogo, ao club.

A Luís e a min, nesta laboriosa recollida documental, vannos achegando testemuñas presidentes, xogadores e seareiros a propósito de inquerirlles sobre que adestradores lembran, nomeadamente os das primeiras andainas da Liga da Costa. Adestradores que polo seu carácter e saber facer, deixaron pegada alí por onde pasaron: Amadeo ou Juan Núñez no Buño; Eduardo Toba no San Sidre de Quintáns e Muxía; José López no Fisterra; os propios José Antonio Periscal e Manolo Casal xa referenciados nestas crónicas; Moncho Varela nos comezos do Corme; Marchela de Carabel no Club del Mar de Caión ou Quique Liñares, ese lanzal home que nunca ollaba á cámara do fotógrafo, en tantos clubs…

Sen ánimo de ser aquí exhaustivos, referenciamos polo miúdo a dous deles. Porque son boa xente, aman o fútbol afeccionado e mesmo dóelles ver a deriva que tomou hai xa anos…para mal. Certo é que mermou a poboación na maioría das vilas, que a oferta lúdico-deportiva, por fortuna, medrou e que hoxe hai tantos equipos onde xogar que semella non haber xogadores abondos para tanto club. Mais ambos botan de menos outras formas de xogar e sentir o fútbol na Costa da Morte. Os dous foron monaguillos antes que frades.

José Antonio Cambón durante trece anos militou como xogador no Deportivo Carballo, Ponteceso, Juventud de Bergantiños e Cabana. Xustamente neste último club foi onde principiou a súa faceta como adestrador na tempada 83/84 e trinta anos despois, el co título de adestrador nacional e algún club con trofeos no seu historial, segue sentado nos banquiños: Penouqueira, Ponteceso, Bergantiños, Baio, Laracha, Ordes…e actualmente no Dubra. Meticuloso, conserva apuntamentos que fan memoria da competición que investigamos e que contan de aliñacións, arbitraxes, xogadas e liortas.

O outro é Moreira, José Antonio Moreira. Mestre de profesión, transmitíu o seu maxisterio balompédico, tamén tras xogar en diversos equipos, en Coristanco, Cabana, Baio, Bergantiños, Arteixo ou no Malpica, a quen ascendíu a 3ª división.

Conversar con senllos protagonistas da memoria viva do fútbol na costa é ter o privilexio de trenzar xogadas e lembranzas, nomes e campos, éxitos e derrotas. Cando se lles pide relatos, fotos e recortes de prensa, barallan neles como instantes que retrotraen vivencias inesquecibles: este era un fenómeno, aqueloutro moi mal guiado era, este morreu nos coídos de Fisterra…

Con persoas así, dispostas e xenerosas en documentación e saber, aqueles que intentamos contar un tempo ido sen excesivas subxectividades para entender presentes, damos feito.

Grazas, Míster!!

Artigos do Mar de Paixón

Máis información

Fonte

comentarios