Un cormelán na Copa do Mundo

En plena Copa do Mundo atopamos ao cormelán Martín Varela Dourado, integrante da sección de deporte para discapacitados A.D. Cempés e coa colaboración do colectivo "Con V de Valarés". Martín disputa entre o 25 e o 30 de abril a meirande competición mundial en Pretoria (Sudáfrica). Unha cita que lle serve ademais para seguir preparándose para o grande salto ás olimpiadas de Londres 2012.

A selección española

A selección española formada polo equipo masculino (Kiko Tur, Álvaro Illobre e Martín Varela), o equipo feminino (Lola Ochoa, Bárbara Vidal e Elena Jacinto), polo equipo junior (Daniel Caverzaschi e Roberto Chamizo) e dirixidos polo seleccionador nacional David Sanz e os capitáns Lorenzo Hernández e Mariña Bronchales; disputan desde este luns a Copa do Mundo 2011 na cidade surafricana de Pretoria. A selección española masculina na que participa Martín Varela loitará por manter a 1ª categoría do grupo mundial. A 1ª categoría está formada por 12 equipos e España intentará manterse na máxima categoría ante as seleccións máis potentes do mundo.

Polo de pronto, na categoría masculina, o equipo galego-catalán leva unha vitoria e unha derrota. Caían no debú ante Korea por 2-1, eliminatoria na que non participou Martín. Pero no segundo encontro volveron as boas sensacións e os españois venceron por 3-0. Agora Alemaña ou Tailandia esperan aos nosos, como nos conta en tempo real e dende o seu Facebook, Martín Varela Dourado.

Torneo preparatorio

O equipo español participou a semana pasada nun torneo internacional celebrado en Sun City, moi preto de Pretoria. Neste torneo participaron a maioría das seleccións que compiten na Copa do Mundo e os seus seleccionadores utilizárono como torneo preparatorio.

Martín Varela (nº 119 do mundo) chegou a cuartos de final. Para iso venceu en oitavos ao australiano Richard Engles (nº 62 do mundo). O partido foi moi disputado e Varela conseguiu remontar por dúas veces o marcador. No primeiro set remontou un 2/5 para imporse por 7/5 e no segundo set volveu remontar un 2/4 para volver imporse por 6/4. Martín vencía por 7/5 e 6/4 nun gran partido ante un gran rival.

Xa en cuartos Martín enfrontouse ao brasileiro Carlos Santos (nº 26 do mundo). Martín Varela caía ante o brasileiro Santos en tres sets, 6/2, 5/7, e 6/0 nun partido onde tivo opcións pero que finalmente o brasileiro soubo dominar para alzarse coa vitoria.

Información sobre o Campionato do Mundo

Máis información

Novas relacionadas

Fonte