A CIG denuncia a "estratexia de desgaste" da dirección de XEAL na negociación do convenio colectivo
Continúa sen avanzar a negociación do novo convenio colectivo de XEAL. A sección sindical da empresa costeira quere denunciar publicamente a actitude da dirección na negociación do convenio colectivo, despois de que na última reunión volvese presentar unha proposta que entenden "claramente insuficiente e totalmente afastada da realidade económica actual da empresa".
Para os representantes dos traballadores, "lonxe de existir unha vontade real de alcanzar un acordo xusto, a dirección está a optar por unha estratexia de pequenos movementos e propostas limitadas que só contribúen a demorar e bloquear de facto a negociación colectiva, xogando coa boa fe negociadora da parte social, que até o momento está actuando con responsabilidade para evitar un escenario de conflito laboral".
Aseguran que "a empresa continúa negándose a garantir o mantemento do poder adquisitivo mediante cláusulas de revisión salarial ligadas ao IPC real, sen incorporar tampouco mecanismos efectivos de recuperación salarial tras anos de perda acumulada. A última proposta presentada apenas supón avances mínimos e insuficientes, consolidando unha situación de empobrecemento progresivo das persoas traballadoras, que levan máis dunha década asumindo sacrificios mentres a empresa incrementa os seus beneficios".
Ademais, sinalan que "a proposta segue a incorporar elementos discriminatorios, ao non garantir que a recuperación do poder adquisitivo sexa para todo o persoal en igualdade de condicións".
Perda de emprego e actividade industrial
Máis grave aínda é a perda da actividade das fábricas de Dumbría e Cee. Nos últimos anos elmináronse máis de 90 postos de traballo en XEAL, a pesar de "acumular beneficios millonarios e seguir recibindo importantes recursos públicos sen que exista un control efectivo por parte da Xunta de Galiza para garantir o cumprimento de compromisos industriais e laborais".
Pero é que ademais, "a empresa paralizada parte da actividade industrial, a dirección continúa anunciando supostos proxectos e novas liñas produtivas que nunca acaban de concretarse. Estes anuncios responden máis a unha estratexia propagandística orientada a xustificar a recepción de fondos públicos que a unha verdadeira aposta polo mantemento da actividade industrial e do emprego na comarca", engaden.
"Os recursos naturais da Costa da Morte non poden converterse nun simple negocio especulativo desligado do interese social. As concesións hidroeléctricas e os recursos públicos deben estar vinculados ao mantemento da actividade industrial, do emprego e do desenvolvemento económico da comarca", volven alertar.

