sábado. 02.05.2026
El tiempo

O Comité de Empresa de Xeal volve denunciar a falta de avances na negociación do convenio colectivo

Rueda en Xeal
Imaxe da visita de Rueda a Xeal
O Comité de Empresa de Xeal volve denunciar a falta de avances na negociación do convenio colectivo

O Comité de Empresa de Xeal manifesta a súa "preocupación ante a ausencia de progresos no proceso de negociación do convenio colectivo, unha situación que podería derivar nun novo bloqueo das conversas entre a representación dos traballadores e a dirección da compañía e, polo tanto, na ruptura das negociacións".

"A falta de avances reais na mesa de negociación está a provocar un deterioro do clima laboral, que na actualidade atravesa un momento especialmente delicado. A esta situación súmase a conxuntura da propia empresa, que tampouco contribúe a mellorar o escenario", sinalan.

Neste sentido, o Comité de Empresa explican que, "desde hai tres semanas, a actividade produtiva atópase moi limitada, con só dous fornos en funcionamento na fábrica de Dumbría, mentres que todas as unidades do centro de Cee permanecen paralizadas". Esta situación provocou que a totalidade do persoal contratado tivese que regresar aos seus domicilios, aseguran.

Para o Comité de Empresa," negociar implica dialogar co obxectivo de acadar acordos e resolver conflitos, nun proceso no que dúas ou máis partes, con intereses a miúdo diferentes, buscan puntos de encontro sen recorrer ao enfrontamento. Por iso, consideran que non é aceptable limitarse a presentar propostas sen vontade real de achegar posicións nin facilitar unha negociación efectiva". 

O Comité de Empresa considera "inaceptable que unha compañía que xestiona concesións públicas, que nos últimos tres anos, desde a súa compra por Energo-Pro, recibiu máis de 30 millóns de euros en subvencións e declarou beneficios anuais de arredor de 80 millóns de euros, non dea resposta ás necesidades da súa plantilla". Denuncian, ademais, que unha empresa que "se presenta como propia do século XXI continúe negándose a garantir o mantemento do poder adquisitivo mediante cláusulas de revisión ligadas ao IPC, así como a incorporar mecanismos reais de recuperación salarial tras anos de perda acumulada". 

Reunión coa Xunta

Así mesmo, o Comité de Empresa informa de que na reunión mantida coa Xunta de Galicia trasladaron as súas inquedanzas co obxectivo de que a administración coñeza de primeira man a realidade laboral interna da compañía, así como a situación actual da negociación colectiva. Segundo sinalan, "todo quedou en boas palabras e intencións, sen que ata o momento se teñan materializado en feitos concretos".

Desde a representación dos traballadores advirten de que, "de non producirse avances significativos nas negociacións a curto prazo, terán que adoptar outro tipo de medidas ou decisións co obxectivo de defender os dereitos laborais e garantir unhas condicións dignas para o conxunto das persoas traballadoras".

Comentarios