luns. 16.03.2026
El tiempo

Dumbría volve acoller por 13º ano un Campionato Nacional de Volei Praia

  • O Concello dumbriés saca peito da súa aposta polo deporte como motor ecónico, e contabiliza a organización de 30 campionatos nacionais nos últimos 11 anos.
Panoramica do Campionato de Espana de Volei Praia no Ézaro en 2024-Foto-Jorge Castro
Imaxe do Campionato de España de Volei Praia no Ézaro en 2024-Foto-Jorge Castro
Dumbría volve acoller por 13º ano un Campionato Nacional de Volei Praia

Coñecíamos a semana pasada que a praia do Ézaro volverá acoller o Campionato Galego de categorías base de Salvamento e Socorrismo. Pero é que o areal dumbriés será, un verán máis, un centro deportivo de nivel estatal: o Campionato de España de Volei Praia sub17 disputarase na praia costeira.

Os días 13, 14 e 15 de xullo de 2026 son as datas marcadas pola Real Federación Española de Voleibol para a realización destes campionatos masculino e feminino de volei praia sub17.

O deporte como motor económico

Ata o Ézaro achegaranse 320 deportistas e membros dos corpos técnicos dos 64 equipos participantes. Estímase, ademais, que veñan acompañados por máis de 500 familiares. E agárdase que a asistencia de público sexa numerosa, coma en anteriores edicións, convertindo o evento nun motor económico e turístico.

Dumbría vén organizando desde o ano 2013 os Campionatos de España de Volei Praia de categorías inferiores. A organización deste tipo de probas reverte na economía local e comarcal, cun importante impacto na hostalaría e en distintos sectores comerciais. Este ano ademais o Concello conseguiu adiantar o campionato, escapando do mes de agosto onde a zona xa está chea co turismo vacacional. 

O Concello dumbriés saca peito da súa aposta polo deporte como motor ecónico, e contabiliza a organización de 30 campionatos nacionais nos últimos 11 anos:
- 4 infantil masculino
- 4 infantil feminino
- 8 cadete masculino
- 8 cadete feminino
- 3 sub19 masculino
- 3 sub19 feminino

Coma todos os anos, os equipos locais do Club Volei Dumbría terán participación neste campionato de España tanto na categoría feminina coma na masculina.

O Club Volei Dumbría ten conseguido importantes resultados deportivos neste tipo de competicións nacionais en anos anteriores, chegando a proclamarse campións de España de volei praia Cadete masculino e obtendo algún subcampionato en distintas edicións.

 

Comentarios