O Gran Fondo Ézaro 2025 xa está en marcha con Purito co dorsal nº1
- Purito Rodríguez será o dorsal número 1 desta edición.
- Esta edición terá 2,5 km por unha pista de terra.
Esta mañá tivo lugar no Hostal dos Reis Católicos, como xa é tradición, na presentación do ‘Gran Fondo Ézaro – Fin do Camiño’ 2025 que terá lugar o vindeiro 6 de xullo. Un evento que marida á perfección natureza, turismo e deporte, continuando a filosofía municipal de converter eventos deportivos de alto nivel nun reclamo turístico e nun motor económico para toda a comarca.
Na presentación destacaron que estamos diante “dunha das mellores ramplas do ciclismo mundial que mira aos ollos a outros grandes portos como o Tourmalet, a Casse Déserte, o Stelvio, o Mortirolo, o Angliru ou a Bóla do Mundo”. E así o refrenda o feito de teñan subido o Alto do Mirador grandes mitos do ciclismo como Miguel Indurain, Claudio Chiapucci, Alex Zülle, Tony Rominger, Pavel Tonkov, Marino Lejarreta, Joseba Beloki, Samuel Sánchez ou Roberto Heras.
Este ano estará como convidado na proba Purito Rodríguez, vencedor da primeira etapa de La Vuelta Ciclista a España rematada no Miradoiro do Ézaro.
A proba recibirá a milleiro de afeccionados que buscar desafiarse ante o diabólica Muro de Formigón, que ten unha subida sostida de 2 quilómetros ao 15% e rampa do 30%, pero localizada nunha paisaxe exclusiva. Todo un reclamo para deportistas de todo o planeta.
Este ano, unha das novidades do percorrido será o paso polas pistas de terra dos altos eólicos de Mazaricos, nun treito de 2,5km. O percorrido de 101 km partirá do Ézaro, percorrendo o concello de Dumbría, pasará por Cee, subirá por Muxía para saltar cara Berdeogas e Baíñas (Vimianzo), tocar o Encoro da Fervenza e posteriormente dirixiráse cara A Picota e o alto da Ruña (Mazaricos), para baixar por Carnota e afrontar a subida cara a meta no Miradoiro.
Haberá dous tramos cronometrados, nos altos de A Ruña e o Miradoiro do Ézaro, como vemos no percorrido:
Ezequiel Mosquera, director da proba e CEO de Emesports, destacou a presenza da terra no percorrido de 2025. “É unha subida moi bonita neses 2,5 km de caminos de terra” afirmou antes de destacar as aportacións realizadas por patrocinadores, concellos e Garda Civil, todos eles necesarios para que cada ano a carreira poida ser unha realidade. “O trazado ten que ser atractivo pero sempre en condición de seguridade e íso é prioritario” manifestou Ezequiel Mosquera. “Pasaremos polo Encoro da Ferveza, un lugar de gran impacto na Costa da Morte e subimos a Ruña, que ten unha auténtica autoestrada de terra para chegar ao cumio”. Para o exciclista, será posible que o trazado sexa asequible “para todos os públicos”.
Raúl González, alcalde de Dumbría pechou o acto felicitándose por acoller unha proba que recibe a cicloturistas con diverso nivel de preparación. “É unha proba top e cunha organización perfecta e na parte económica hai que destacar que os establecementos hoteleiros da bisbarra están a tope e iso non só deixa cartos en Dumbría”.
O GFE conta cola colaboración de Red Bull, BYD, Nutrition Sport, Gadis, Red Eléctrica, Deporte Galego, Turismo de Galicia e Deputación da Coruña.