Laura Suárez recolleu o Premio Castelao nunha gala con protagonismo encaixeiro

Laura Suárez, no centro recollendo o Premio Castelao

Este pasado venres o Teatro Colón da Coruña acollía a IV Gala de Cultura da Deputación, coa entrega dos premios aos 14 gañadores dos certames culturais 2024 convocados polo ente provincial. Unha gala presentada por Susana Pedreira e coas actuacións de Alana e Fran Sieira, chea de motivos do Encaixe de Camariñas, como previa a Mostra.

Palilleiras de Camarinas no Teatro Colon

De feito, a presentadora levou un traxe firma de José Mateos e todos os elementos gráficos, inspirados nas formas do encaixe, nunha instalación que no escenario dialogou coa peza audiovisual que Nela Fraga creou a partir de imaxes do Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade do Museo do Pobo Galego. Ademais, durante a previa varias palilleiras levaron o encaixe ao corazón da Coruña.

O escenario da Gala

A gran protagonista costeira da Gala foi Laura Suárez. A deseñadora dumbriesa levou o XIX Premio Castelao de Banda Deseñada polo seu álbum “A raíña cadáver”.

Gañadores

  • Torrente Ballester de narrativa: Loli Rodríguez (en lingua galega) e Jose Antonio Bonet (en lingua castelá).
  • Castelao de banda deseñada: Sandra López (modalidade xeral) e Laura Suárez (modalidade LIX).
  • Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil: Érica Esmorís (modalidade infantil) e Rosa Aneiros (modalidade xuvenil).
  • González Garcés de poesía: Gonzalo Hermo.
  • Antonio Fraguas de artesanía: Borja Canedo (modalidade tradicional) e Ezequiel Franchi (modalidade contemporánea).
  • Fran Pérez 'Narf' de música: Carabela.
  • Begoña Caamaño á acción cultural pola igualdade de xénero: María Encarnación Otero (premio á traxectoria) e Asociación Andar cos tempos (premio á iniciativa).
  • Jesús Núñez de arte gráfica: Jose Andrés Santiago.
  • Luís Ksado de fotografía: Vicente Fraga.

Máis novas