venres. 07.02.2025
El tiempo

Pequeño, un “imprescindible” no Camiño

Jose Manuel pequeno no Foro do Camino
Jose Manuel Pequeño
Pequeño, un “imprescindible” no Camiño

A Casa da Cultura de Negreira acolleu este sábado a celebración do II Foro de Internacionalización do Camiño Fisterra – Muxía, unha cita que exerce de punto de encontro entre diferentes axentes do sector para abordar os retos e oportunidades deste tramo do Camiño de Santiago, e que conta co apoio da Deputación da Coruña.

Unha das citas máis salientables do evento, foi a homenaxe ao ex alcalde de Dumbría, José Manuel Pequeño, presentado como unha figura “imprescindible” na consecución da prolongación do camiño ata Fisterra – Muxía. “Neste sector e nesta sociedade fai falta perseveranza e paixón, dúas cualidades que se personifican en José Manuel Pequeño”, sinalou por exemplo Xosé Regueira ao entregarlle o recoñecemento “Ti fas camiño”.

Homenaxe a Pequeno no Foro do Camino

Reflexión

Xose Regueira Foro Camiño 4
Xose Regueira 

Houbo varias mesas de debate, como a formada para inaugurar o foro polo vicepresidente, Xosé Regueira, e o deputado de deportes, Antonio Leira, a presidenta da Asociación de Concellos do Camiño de Santiago a Fisterra e Muxía e alcaldesa de Fisterra, Áurea Domínguez; o director da Axencia Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, e o alcalde de Negreira, Manuel Ángel Leis.

Antonio Leira fixo referencia ao traballo da entidade provincial na promoción do Camiño, “con iniciativas como ‘A Arte no Camiño’ ou a exposición ‘As fontes do Camiño’, coas que aportamos o noso gran de area para contribuír a mellorar a calidade e a experiencia do Camiño.” Leira tamén falou dos “retos” a afrontar.

Pola súa parte, Xosé Regueira tamén falou das “oportunidades” do Camiño, nun “momento tan doce para o turismo como o que estamos vivindo actualmente”. Neste sentido, o vicepresidente sinalou que “o turismo é un negocio que debe ser rendible e competitivo”, e referiuse a este camiño como “un produto turístico de primeiro nivel para Galiza e para o xeodestino da Costa da Morte”, agardando que este foro “sirva para sacar as conclusións correctas para afrontar o futuro do camiño con solidez. Precisamos ser competitivos e acertar nas receitas que temos que empregar para conseguir un futuro máis sostible e responsable co camiño, que non o banalice, o respecte e sexa valioso para a poboación residente”.

Foro Camiño 1

As cifras

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, deixou datos interesantes: O Camiño de Fisterra Muxía medrou no que vai de ano a un ritmo do 27%. Ao mesmo tempo, os últimos datos turísticos feitos públicos polo Instituto Nacional de Estatística (INE) destacan que a Costa da Morte recibiu 161.461 viaxeiros que fixeron 324.721 noites nos establecementos de aloxamento dos distintos concellos, acadando uns incrementos do 4,9% e 1,3% respectivamente.

Entre os peregrinos que nos visitan, o 42% dos peregrinos foron estranxeiros chegados sobre todo de Portugal, Italia e Estados Unidos. En canto aos datos turísticos xerais, o incremento entre xaneiro e outubro do mercado internacional foi do 16,1% en noites e do 16,4% en viaxeiros neste xeodestino. “É a primeira vez que o segmento dos estranxeiros acada as 90 mil noites nos hoteis e pensións do destino”, salientou, destacando as posibilidades de desestacionalización.

Comentarios