A Asociación Anchoa, a mellor anfitriona na fin da terra


O pasado sábado 22 de abril, a Asociación Cultural Anchoa mantivo un encontro intercultural coa Asociación ADPIC (Asociación Deportiva Pitiusa para el intercambio Cultural) de Ibiza/Formentera que ten como obxectivo dar a coñecer e difundir a cultura das Illas Pitiusas por todo o mundo. Varios dos seus membros percorreron o camiño inglés durante 10 días, de Ferrol a Santiago, para rematar na Fin do Camiño: Fisterra.
Membros da Asociación Anchoa acompañaron a expedición pitiusa nos derradeiros kilómetros, recorrido que serviu para intercambiar experiencias e darlle a coñecer a cultura e lendas relacionadas ca fin do Camiño e a súa historia. Unha vez no Km 0 do camiño, e dende o Faro Fisterra todos xuntos puideron disfrutar da incomparable paraxe do cabo e o impresionante solpor dun fermoso día de abril.
Pola súa parte, a Asociación ADPIC fixo entrega dun lote de productos gastronómicos típicos das illas e material da Asociación, quedando convidados a visitar e coñecer as Illas Pitiusas. Dende a Asociación Cultual Anchoa agradeceron a visita coa celebración dunha festa enxebre, na que non faltou o churrasco, o ribeiro e como non, a queimada e a música tradicional, e animáronos a repetir a experiencia.
A Asociación ADPIC recolliu a través de imaxes e vídeos esta experiencia intercultural, que divulgarán a través das redes e do seu propio canal de Youtube coa edición dun vídeo específico.
A Asociación Anchoa agradecen a ADPIC o seu interese en coñecer a vida fisterrá e síntense “orgullosos” de que unha Asociación de tan lonxe contactara con eles pola súa labor na promoción e divulgación de Fisterra como fin do camiño, unha labor que comezaba a finais dos anos 80 e que continúan hoxe en día coa organización da Festa Folk na Fin do Camiño, que se celebra cada terceiro sábado de agosto, e que este ano, XVII edición, coincide o día 19 de agosto.
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).