A Casa das Peritas, unha nova Galería no rural da Costa da Morte
09:00 08/04/17
A Artista rumana Natasha Lelenco no seu obradoiro da Casa Peritas
Casa das Peritas, así se chama, mantendo o nome tradicional, a nova galería de arte ocasional que se convertirá nun epicentro cultural da comarca. Esta antiga casa de aldea do século XIX, situada en Mallas, Fisterra, é o novo centro de creación da artista moldava Natasha Lelenco, afincada na nosa terra dende hai xa 7 anos.
Este sábado 8 de abril abre ao público para celebrar unha semana de portas abertas, do 8 ao 16 de abril, en plena Semana Santa de Fisterra (en horario de 11:00h a 14:00h e de 17:00h a 21:00h) nunhas instalacións que nada teñen que envidiar as deste tipos de espazos nas grandes cidades. Un proxecto que conecta cunha marcada tendencia internacional a descentralizar os centros de arte e recuperar o rural como punto de encontro. Unha “exploración de novas vías e sinerxias entre o elemento turístico (turismo laranxa), o cultural, e a dinamización da comunidade”, como definen os propios protagonistas.
A exposición coa que estrean este singular proxecto, "Adopta Un Señor Importante”, é ademáis un proxecto que leva percorrido varias salas e que ven despertando enorme interés mediático, de público e de crítica alá por onde pasa.
A exposición conta cunha serie de pezas en acrílico sobre anacos de madeira en corte transversal que forma parte dun proxecto que xa se deixou ver en parte na Galería La Doce (Boiro) e no espazo de arte de El Cercano (Ourense) e aínda visitará salas de Lugo, Santiago de Compostela e Madrid antes da queima das pezas “non adoptadas” na vindeira noite de San Xoán.
Con elas, Natasha Lelenco quere abordar “unha reflexión arredor do fútil e do importante, arredor do azar na conformación do relato da historia e tamén arredor do valor das cousas e do mercado. O proxecto, unha colección de retratos de corte figurativo, toma forma nunha suposta campaña de Adopción no que a autora deixa en mans do espectador (cliente) a responsabilidade na desaparición ou da conservación (adopción, compra) da obra que mereza ou non o seu interese”.
Recuperando vida no rural
Fachada da Casa das Peritas A Casa das Peritas é unha casa de aldea do ano 1830 recentemente rehabilitada como vivenda e obradoiro de arte. Está situada na aldea de Mallas, no concello de Fisterra, a medio camiño entre as praias de Langosteira e do Rostro. O seu nome deriva do alcume das súas dúas últimas habitantes, unhas irmás solteiras fillas do perito que xestionaron as propiedades da casa ata a súa morte e que deixaron o nome co que na aldea se coñece aínda a propiedade. A Aldea de Mallas que se conta como un dos núcleos de poboamento rural en mellor estado de conservación patrimonial da Costa da Morte, está situada estratéxicamente entre as praias da Langosteira e do Rostro. O núcleo conta apenas cunhas ducias de veciños, unha cantina sede da asociación de veciños e, desde agora, unha Galería de Arte. Así que os que visitedes a indispensable Semana Santa de Fisterra, xa tedes unha nova parada para completar a viaxe, na Casa das Peritas.Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).