A Feira volve a rúa na vila do Cristo
Esperemos que desta non chova demasiado, pois a rúa volverá ser protagonista da vida fisterrá. Xa está listo a II Feira na Rúa, para os vindeiros 30 de abril e 1 de Maio do presente ano. Non só pretende o Concello fomentar a mostra e a venda da artesanía galega e propiamente fisterrá, senón tamén facer da rúa un espazo aberto á Cultura polo que para eses días contarán con varias actividades.
A día de hoxe son preto de 30 artesáns os anotados para participar no evento. Complementos, bolillo, coiro, roupa tradicional, pintura, alimentación, entre outras, estarán presentes esa fin de semana.
A inauguración do evento realizarase o sábado 30, ás 12:00 horas coa actuación do grupo Brasas, As Pandereteiras da Crus de Baixar e acompañados dos Cabezudos de Fisterra.
Ás 17:00 horas actuarán As Pandereteiras Millo Verde de Corcubión e a continuación, arredor das 18:30 horas a compañía Troula Animación desfilará pola Rúa Real co seu espectáculo Hakuna Matata.
Ás 20:00 da tarde o grupo Magnifique Bande dos Homes Sen Medo animarán a rúa deleitándonos coas súas trasnadas armónico-contrapuntísticas, clásicos, fílmicos, jazzísticos, funkeiros e rockanroleiros.
E xa para rematar o día, ás 22:00 da noite, Gran Queimada a cargo de Roberto Traba.
O domingo 1 de maio, a partir das 11:00, apertura dos postos de artesanía, e a 13:00h da tarde, amenizará a Feira o grupo Petaforte.
Ás 17:00 da tarde actuación das Pandereteiras da CRUS DE BAIXAR de Fisterra, coincidindo cos xogos populares e tradicionais destinados ao público infantil e adulto. O xogo da chave, zancos, rá, petanca, tiro da corda, sacos e chapas, entre moitos outros, estarán presentes na Praza da Constitución a cargo da Asociación Galega do Xogo Popular. Arredor das 18:30 horas, o dúo Os Monifates, formado por un músico e un artesán de instrumentos tradicionais, acompañados dunha parella de bailaríns (títeres de táboa) tocarán a música tradicional galega, nun formato orixinal.
E como broche final da Feira de Artesanía, ás 20:00 da tarde, Roberto Traba e o seu rito da Queimada volverán a ser os protagonistas.
Fonte
- Fisterra.