Martes. 23.04.2024
El tiempo

Artellando unha homenaxe aos Voluntarios do Prestige que cambiaron a Costa

Artellando unha homenaxe aos Voluntarios do Prestige que cambiaron a Costa
Tal día coma hoxe, aló polo 2002, a Costa da Morte e media península tinguíase de negro. O chapapote do Prestige cambiou a bisbarra, para mal, pero tamén para ben. Mentres en moitos portos costeiros se escoitaba eso de "ogallá veña outro", centos de miles de persoas de toda Europa púñanse o mono branco para desfacer a desfeita. Aquela experiencia cambiou a vida da Costa e de moita xente. Xentes de aquí aos que lle cambiou a vida, escoitando a todas aquelas persoas con experiencias tremendas. Xentes de alá que quedaron abraiados con esta zona tan especial. Unha destas persoas é Sole Méndez, extremeña de nacemento pero xa considerada unha fisterrá máis. Sole chegou a limpar. E non marchou nunca. De feito, a súa filla, Alejría, é toda unha fisterrá de arriba abaixo. E Alejría era o berro de guerra que pegaban os voluntarios en Fisterra cando ao voltar á praia pola mañá vían que "todo seguía igual". Alejríaaaa!!! e a traballar.

Grande homenaxe polo 10º aniversario

Para recuperar toda esa memoria histórica e agradecer a labor dos voluntarios, Sole está comezando a preparar unha grande homenaxe de cara ao 2010, para que coincida co 10º aniversario do accidente. O Concello de Muxía xa realizou unha homenaxe aos voluntarios a finais do 2007. Unha homenaxe polo 5º aniversario moi bonita pero que non chegou a todas as partes. E a Costa segue a ter unha débeda cos Voluntarios. Este proxecto, con 2 anos de marxe, pretende englobar a toda clase de entidades, sociais, políticas, culturais... para que entre todos se consiga agradecer de corazón aos milleiros os preto de 70.000 voluntarios que se achegaron pola Costa da Morte naqueles negros meses de 2002 e 2003. Xa hai apoios en firme e sobre todo, "ideas como area" ou "mareas de ideas", como lle din pola vila do Cristo. De feito, As Crebas, ese grupo fisterrán de teatro de rúa, terá o seu protagonismo de seguro.

Grupo de Facebook Voluntarios do prestige na "costa da morte"

Foi precisamente Sole a que abriu o novo Grupo de Facebook Voluntarios do prestige na "costa da morte". Un Grupo que pretende recoller as experiencias de todas aquelas persoas que se achegaron pola Costa e durmiron nos pavillóns de Muxía, Corcubión, Fisterra, Camelle, Carnota, Corme, etc... Aberto queda este grupo para se vaia adherindo voluntarios de todo o mundo. Españoles, portugueses, xaponeses, europeos, estadounidenses, arxentinos... E aberto está para que se depuren por fin responsabilidades, tanto a nivel legal como político, para que os estudios determinen os efectos reais do chapapote na costa e nos corpos dos voluntarios... Para todo isto, poden buscar polo Facebook Voluntarios do prestige na "costa da morte". E de paso vaian dando ideas para a homenaxe do 2012.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios