O BNG de Fisterra rexeita a moción de censura: "O PP nestes dous anos non fixo nin a primeira crítica"

Despois de falar coa propia rexedora e co previsible futuro alcalde da vila, toca escoitar a outra das pezas do puzzle político de Fisterra sobre a moción de censura presentada polo PP e polo concelleiro, que califica de "díscolo", xa expulsado de Alternativa dos Veciños.
O BNG de Fisterra rexeita a moción de censura. “Desde o BNG de Fisterra criticamos a actitude e o xeito de proceder do PP, que fai calquera cousa con tal de acceder a unha alcaldía, tal e como ten demostrado en diversas ocasións no noso país”, sinalaron os nacionalistas, que consideran que “non existen razóns nin motivos de peso para cambiar o goberno en Fisterra, e parece que o único que xustifica a moción de censura son intereses partidistas e persoais, e o exemplo é que o PP nestes dous anos non fixo nin a primeira crítica, polo que pódese deducir que a xestión non ía tan mal”.
A formación nacionalista manifestou que “o PP aprovéitase dun cambio legal, logo dunha sentenza do Tribunal Constitucional, para obter unha alcaldía; en Fisterra tiñamos unha maioría clara de esquerdas, que agora vaise ver alterada polo pacto entre o PP e un concelleiro que vai ser expulsado e considerado tránsfuga pola súa formación política, Alternativa dos Veciños”.
O BNG de Fisterra aclarou que seguirá facendo “unha oposición firme e construtiva, pensando nos intereses da veciñanza e no progreso do noso
municipio, como a que vimos desenvolvendo nestes dous últimos anos; a experiencia sinala que Fisterra nunca avanzou con gobernos amigos do PP na Xunta, polo que seguiremos reivindicando un novo centro de saúde, un servizo de pediatría, a execución do plan especial no cabo Fisterra, así como outras melloras que o pobo necesita”