Luís Insua (PP de Fisterra): “A moción de censura é necesaria porque é un goberno que funciona a través do marketing e a improvisacion”

Mentres traballa a tope na súa asesoría, e agradecendo o parón fubolístico de verán (é árbitro no Fútbol da Costa) Luís Insua saca tempo para atender as chamadas unha vez coñecida a presentación da moción de censura contra a alcaldesa Áurea Domínguez (Alternativa dos Veciños).
O candidato do PP fisterrán conta xa os 9 días que quedan para que colla o bastón de mando do concello fisterrán, unha vez que ten asegurado o voto do edil Francisco Martínez Traba, aínda, a día de hoxe, membro do grupo de Alternativa. Voto que sumado aos 5 edís populares permitirán sacar adianta a moción de censura e colocar, 10 anos despois, ao PP na alcaldía.
”Esta moción de censura é necesaria porque é un goberno moi en minoría, que funciona a través do marketing, e a improvisacion, como vemos no exemplo dos socorristas que chegaron a finais de xullo”, sinala Insua. Sen orzamentos, prorrogados dende 2023, con recoñecementos extraxudiciais como o de 700.000 que vai ao pleno deste xoves, coas obras do POS continuamente enmendadas pola oposición… É necesaria unha maioría, e agora pódese ser, e aproveitar estes dous anos de goberno para desbloquear os proxectos principais da vila”.
O primeiro que van intentar facer, asegura, é “aprobar os orzamentos, que xa imos tarde, e despois teremos que ir mirando, faremos reunións co persoal e a partir de aí desbloqueando grandes proxectos como o Faro, a entrada a Fisterra, o centro de saúde…Van 10 anos sen goberno popular e seguimos cos mesmos problemas de entón”. “Todos os concellos da contorna nos están pasando. A ver se agora en dous anos podemos darlle para adiante, porque pasan os anos e seguen aí”.
Sobre o edil, Insua explica que despois da moción explicaráns os compromisos.