Denuncian a creación dunha parada ilegal de taxis en Sardiñeiro


Envía hoxe o BNG de Fisterra esta imaxe ca que denuncia a nova actuación do goberno local. Segundo sinala o recén nomeado volceiro comarcal Modesto Fraga, esta parada de taxis que estiveron onte pintando na vila de Sardiñeiro, "non conta con ningunha licenza municipal e vulnera a legalidade, amais de que está a causar graves prexuízos aos veciños".
Asegura amén o grupo da oposición que "nas oficinas municipais non consta ningún expediente nin Resolución que ubique a parada de taxis nese lugar concreto e nin sequera se realizou a oportuna exposición pública a efectos de alegación".
Foi máis alá o BNG e solicitou a presenza da policía local para que se presentase no lugar dos feitos e levantase a oportuna Acta aos efectos de que, no suposto de que non se actuara conforme á legalidade, poder acudir á vía xudicial. "Na actualidade, os regulamentos de ocupación da vía pública non exclúen do pagamento da correspondente taxa a esta parada de taxis, co que poderiamos estar diante dunha posible prevaricación", avisa o grupo, que esta mesma mañá vai presentar a denuncia.
Así, lamentan que "a política do goberno local e, particularmente, do concelleiro responsable de Urbanismo, sexa a do revanchismo persoal e non a de defender os intereses comúns de todos os cidadáns".
Novas relacionadas
- Modesto Fraga, novo voceiro comarcal mentres o BNG nacional se divide.
- A oposición fai un repaso ás retrasadas e polémicas contas do Concello de Fisterra.
Fonte
- Nota de prensa da man de Modesto Fraga Moure, Portavoz municipal do BNG de Fisterra.