A Deputación financia novos vehículos para o SAF de Camariñas, Fisterra e Muros
Os concellos da provincia que dispoñen dun vehículo para desprazamentos do SAF financiado pola Deputación da Coruña son As Pontes, As Somozas, Aranga, Camariñas, Cariño, Carnota, Fisterra, Irixoa, Mañón, Muros, Ortigueira, Outes, Tordoia, Oza-Cesuras, Cabanas, A Baña, Mesía, Dodro, Coirós, Boimorto, Paderne, Dumbría, Santiso, Sobrado e Toques.
A Deputación da Coruña financia con 100.000 euros a compra de cinco vehículos destinados a facilitar os desprazamentos diarios das traballadoras e traballadores dos Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e os servizos sociais nos concellos de Camariñas, Cariño, Fisterra, Muros e Sobrado dos Monxes. A concesión definitiva destas axudas publícase hoxe no Boletín Oficial da Provincia.
Estes son os concellos que obtiveron maior puntuación en función das bases da convocatoria e súmanse a outros vinte que xa obtiveron as axudas para a compra vehículos en anos anteriores.
“Con estes, serán xa vinte e cinco os concellos da provincia que dispoñen dun vehículo para os desprazamentos das traballadoras de axuda a domicilio, que desenvolven un traballo fundamental nos concellos da provincia e merecen este apoio. A nosa idea é seguir ampliando este número en cada convocatoria para axudar a resolver o problema que nos trasladaron as propias coidadoras en distintas reunións”, explicou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso.