Fisterra prepara o solpor para irmandarse con Nachikatsuura

Hoxe, 23 de xullo, é o día no que arredor das 22:00h hora peninsular, o solpor de Fisterra, coincidirá co mencer na localidade xaponesa de Nachikatsuura, no que serán xa ás 05:00h xa do día 24 en Xapón. O mesmo sol sairá por un lado do planeta e se porá polo outro, facendo que os terraplanistas fiquen sen argumentos.
Foi o catedrático da USC Jorge Mira o que afondou neste evento, que só se produce dous días ao ano. E tanto os entes xestores do noso Xeoturismo como as entidades rexionais xaponesas viron neste suceso unha bo argumento para tecer pontes.
De feito, xa ambas localidades separadas por 10.000km, xa comparten a súa condición de seren extremos de dúas rutas de peregrinación declaradas como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO: o Kumano Kodo – Camiño de Kumano – e o Camiño de Santiago de Compostela, e xa se teñen tecido as primeiras pontes peregrinas entre as dúas vilas.
Un programa de TV
Esta coincidencia, que só se produce 2 días ao ano, é o motivo de unión entre ambos territorios, que contemplarán ao mesmo tempo o solpor fisterrán e o amencer nipón, mediante videoconferencia, nun evento que se celebrará simultaneamente nos dous lados do mundo.
O Semáforo de Fisterra será o escenario no que se poderá visualizar esta dobre estampa, nunha pantalla partida que amosará nun lado o sol saíndo polo Océano Pacífico e, no outro, o mesmo sol afundíndose no Atlántico, nun acto que contará con intervencións de representantes de ambos países.
A partir das 21:30h poderase ver o programa especial, que conta co apoio da Deputación da Coruña e o Concello de Fisterra, en https://nachikatsuurafisterra.solpor.eu/