Invocando o espírito de Alexandre de Fisterra
13:06 08/09/15
Ambietazo na Praza da Constitución no I Campionato de Futbolín Alexandre de Fisterra-Foto-EtelandPand
Fermosísima estampa a vivida na tarde do pasado domingo en Fisterra. Tiña lugar I Campionato Internacional de Futbolín na Fin do Mundo “Alexandre de Fisterra”. Un campionato que segue a estela daquel celebrado en 2010, e que serve para recoñecer un dos persoeiros máis importantes da historia da Vila do Cristo, ao tempo que engrandece un gran deporte tradicional en tempos de plays, pocoyós e wiis.
Sobre iso falou precisamente Xurxo Souto, “pregoeiro” do evento, autor da grandísima “Oda ao Fútbolín”, cos Diplomáticos de Monte Alto, todo un himno para xeracións e xeracións de galegos. Acompañado polos membros do goberno local, falouse da importancia de recuperar as tradicións nos tempos que corren.
A praza da Constitución, ca Rúa Real tamén pechada ao tráfico, encheuse de ambiente festi-deportivo. 30 parellas participaron na categoría de adultos, disputándose 29 partidas, a eliminatoria directa, con 4 futbolíns funcionando ao mesmo tempo. Uns futbolíns cedidos ao concello polo fisterrán José Manuel Lago “O Mariquito”, pensados para formar parte dun futuro museo que ten pensado abrir o concello fisterrán. Cómpre sinalar que había participantes de Lugo, Compostela, Portonovo e Coruña, ademais dos locais, que chegaron ata as últimas roldas.
Unha finalísima que se xogou entre Manuel e Carlos contra Laureano e Nico… Menudo partidazo que deixou como campións do I Torneo Mundial de Futbolín Alexandre de Fisterra á parella formada por Laureano e Nico, dous homes moi vencellados ao mundo da pelota.
Na categoría infantil houbo 8 parexas, xogándose 30 partidas para chegar a gran final que a xogaron Aitor e Elian contra Damián e Gabriel, sendo ganadores Aitor e Elian.
Esperan que a segunda edición sexa un evento a nivel mundial, e que haxa eliminatorias os días previos para clasificarse á última e derradeira xornada.
Novas relacionadas
- Primeiras probas de peonalización do casco vello de Fisterra.
- Alejandro Finisterra na Elección Histórica da Costa da Morte.
- O pobo fisterrán pide que Alejandro Finisterre sexa Fillo Predilecto da vila.
- 2010: I Campionato de Fútbolín Alejandro Finisterre: A revolución do futbolín alonxou ás consolas de Fisterra.
- etel&pan, unha galería de ultramarinos e bocadillos de Fisterra, ocupa os primeiros postos de webs internacionais de viaxes.
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).