Nin Nordestazo, nin VdeValarés: Tempos complicados para os festivais na Costa da Morte
12:03 04/07/18
Imaxe do Nordestazo do ano pasado
Semella que non son tempos fáciles para as organizacións dos Festivais pois este verán vemos como desaparecen dúas das referencias máis importantes dos veráns musiqueiros de Bergantiños. Xa sabíamos que Balarés volve ser con B confirmada a desaparición do Festival VdeValarés. E estas semanas vimos de confirmar o esperado: non vai haber Nordestazo Rock en Malpica.
Xa o ano pasado “finaba” o Sereas e Piratas, que estivo en activo ata 2016, tras máis de 10 edicións de música e surf na praia de Razo.
Este mes de xullo o porto de Malpica non vibrará cos Heredeiros, nin con Loquillo, nin con Reincidentes, bandas que convertiron a cita da A.C. Tralla nunha das citas fixas para todos os rockeiros da provincia. Queda pois ás portas de cumplir os 10 anos en activo o festival malpicán, unha vez que a organización cansou tras 9 anos de traballo sen ánimo de lucro, con cadanseus traballos e proxectos aos que atenderen. Iso si, abren as portas para que xente nova colla as tendas da Asociación Cultural e retomen o Nordestazo para vindeiros veráns.
Citas da Axenda Sonora 2018
Festivais da Costa da Morte para este verán 2018 Queda algo máis orfa aquela iniciativa artellada co QPC e da Asociación Monte Branco do Couto da Axenda Sonora da Costa da Morte. Dos 12 festivais que chegaron a encher o noso verán, son estes os que quedan vivos, ademais da fermosa experiencia Blues xa vivida hai unhas semanas en Fisterra.- XXIII Asalto ao Castelo (Vimianzo, 6 e 7 de xullo).
- Festival Electrónico Comarea (Muxía, 7 de xullo)
- XV Castelo Rock (Muros, 3 e 4 de agosto).
- 35 Festa da Carballeira (Zas, 3 e 4 de agosto).
- XVIII Festa Folk na Fin do Camiño (Fisterra, 18 de agosto).
- XXI Festival Xiria Pop (Carballo, 14 e 15 de setembro).