Domingo. 16.06.2019
El tiempo

O CAP Finisterre: Un Transatlántico que facía a ruta das Américas nos tempos das grandes migracións

O CAP Finisterre: Un Transatlántico que facía a ruta das Américas nos tempos das grandes migracións
Aspecto xeral do CAP FINISTERRE con indicacion dos portos nos que facia escala Aspecto xeral do CAP FINISTERRE con indicación dos portos nos que facía escala

“O famoso e destacado Cabo de Fisterra, o máis principal desta Península e do continente de Europa, recoñecido por tal por tódalas Nacións que navegan de volta de América, e dos Mares do Norte e dos do Sur e dos de Levante, e destes para aqueles” 

Miguel Marín. 1755

Dicía D. Ramón Otero Pedraio en varios dos seus textos sobre xeografía da nosa terra que en Galicia o Occidente manda; que dende as esgrevias e prominentes serras orientais avanza con decisión e sen torcer o rumbo con dirección ao Oeste. Unha singradura que non está libre de contratempos, de episodios outra volta elevados e contundentes: a dorsal galega.

Pero a chamada do mar é tan poderosa que non hai atranco que poida deter esta inmensa e rotunda nave na procura do sol poñente. Nave que ten na Costa de Morte unha potente proa, capaz de enfrontarse en eterna batalla ao temible Atlántico que, periodicamente, concentra toda a súa bravura, todo o seu imprevisible furor contra esta vangarda de Europa. Se a Costa da Morte é a proa deste navío chamado Galicia: Fisterra, o Finisterrae do mundo coñecido ata 1492, é o mascarón que en atrevido escorzo se adianta máis alá da fronte oceánica; encarnándose no corazón ao que aflúen boa parte das enerxías terrestres e marítimas coas que singularizamos esta compoñente esencial da embarcación na que simbolizamos a Nosa Terra.

Falamos da Fin da Terra e da vangarda de Europa, e aínda que semelle un paradoxo, coido que non o é. Fisterra é un remate pero tamén un principio. Lémbrame eses personaxes de moitos cadros do pintor romántico alemán Caspar David Friedrich: figuras solitarias fronte ao insondable océano; criaturas desacougantes que camiñaron ata o abismo, ata o borde do mundo, quizais escapando de algo, pero sobre todo buscando un novo principio para as súas vidas. Un novo principio que tamén buscaban os pobos conquistadores ou comerciantes dos outros occidentes atlánticos, das múltiples ribeiras do Mediterráneo, dos bosques situados máis alá do Rhin,… : celtas, gregos, fenicios, cartaxineses, romanos, suevos,… O mesmo podemos dicir dos viaxeiros e peregrinos que dende a Idade Media, despois dunha intensa e demorada vida interior, alcanzaban un solpor único; renacendo a unha nova existencia dunha matriz que a semellanza da biolóxica se situaba entre a lentura dunha terra vizosa e as ignotas xeiras do porvir.

A Costa da Morte, pero sobre todo, Fisterra deixaron unha estela indeleble na cultura universal. Dende Plinio o Vello (século I despois de Cristo) ata os nosos días non deixou de figurar en textos de xeografía e historia, mapas, diarios de viaxe, informes sobre infraestruturas e aspectos militares, obras de creación artística: poesía, ensaio, narrativa, fotografía, cine, novela gráfica,… Sería moi longo o listado de peregrinos, viaxeiros, militares, cartógrafos, espías e creadores de todo xénero que, dende as latitudes máis dispares, reflectiron nas súas obras diferentes aspectos de Fisterra e da Costa da Morte. Como exemplo, eu que gusto das imaxes sobre tódalas cousas, pódovos poñer o exemplo da novela gráfica BRUCE J. HAWKER do debuxante e guionista inglés William Vance, onde arredor das guerras napoleónicas, da Batalla de Trafalgar, dalgunhas armas secretas e do mundo da espionaxe;  Gran Bretaña se converterá na primeira potencia marítima do mundo. Parte da trama desta historia transcorre en Galicia e, co mundo naval de fondo, a Costa da Morte tiña que estar presente. No apartado gráfico ofrézovos unha viñeta relativa a este feito.         

Vineta da novela grafica BRUCE J HAWKER de William Vance e onde a Costa da Morte ten unha pequena aparicion Viñeta da novela grafica BRUCE J. HAWKER de William Vance e onde a Costa da Morte ten unha pequena aparicion Cartel publicitario dos anos trinta da Hamburguesa Sudamericana Cartel publicitario dos anos trinta da Hamburguesa Sudamericana

Todas estas palabras mal concertadas para dar cadra do prestixio dun lugar e dun nome: Fisterra. No caso que nos ocupa hoxe, da súa versión castelanizada: Finisterre. Anteriormente falamos dunha nave simbólica, agora farémolo dunha embarcación real: o transatlántico alemán CAP FINISTERRE. Pertencía a navieira HAMBURGUESA SUDAMERICANA que, como o seu nome nos fai entender, estaba radicada no porto xermano de Hamburgo, onde os seus navíos iniciaban a ruta camiño da América do Sur. Posteriormente ampliarían as súas liñas de navegación con dirección a outras latitudes. Fora fundada en 1871, e en poucos anos converteríase nunhas das principais compañías de transporte marítimo de Alemaña. A pesar de perder despois das 1º e da 2ª Guerras Mundiais a maioría da súa flota, foi capaz, en ambos casos, de reflotar e seguir ocupando unha posición importante ata que a insoportable competencia da navegación aérea cambiou por completo o mundo dos transportes.

O CAP FINISTERRE formaba parte da categoría “CAP”, composta polos transatlánticos coas mellores prestacións da Navieira. Fora construído nos estaleiros Blohm & Voss de Hamburgo e botado o 8 de agosto de 1811. Nese momento e por uns anos foi o buque insignia da compañía navieira. Aínda que non dende o principio, foi o primeiro en pintar as súas chemineas con dúas franxas: unha branca na parte inferior, coroada por outra vermella. As cores corporativas que tamén lucían na bandeira que identificaba a empresa.

Non era a primeira vez, nin sería a última, que esta compañía escollía un nome galego para bautizar un dos seus barcos: no 1904 iniciara a súa singradura o CAP ORTEGAL, un barco moito máis pequeno que o noso protagonista de hoxe.  O nome de Finisterre, máis alá de todo o que dixemos na introdución,  e da súa importancia como fito das rutas marítimas de navegación dende a época castrexa, supoño que tamén estaría motivado polas paradas que as liñas desta compañía facían nos portos galegos onde, como veremos, tiñan considerables intereses económicos.

A información que sobre este navío daremos a continuación tomámola dun folleto publicitario que posuímos, editado pola Hamburguesa Sudamericana no momento da súa botadura. Teñen a mesma procedencia as fotografías específicas da nave coas que completamos este artigo.

O CAP FINISTERRE nun folleto publicitario da Companiaa alema O CAP FINISTERRE nun folleto publicitario da Comañía alemá

A viaxe inaugural realizouna no mes de novembro de 1911. A saída fíxoa do porto de Hamburgo con destino a Boulogne-sur-Mer, cidade francesa situada no Paso de Calais, onde fixo a primeira parada. Proseguiu con dirección a Southampton, no sur de Inglaterra. Dende a costa inglesa continuou a súa andadura cara as rías galegas: primeiro fondeou na Coruña, e de alí puxo rumbo a Vigo, onde estaba o 24 de novembro. As paradas galegas, como podedes supor, tiñan por obxecto o embarque de emigrantes con destino aos países suramericanos: Brasil, Uruguai e Arxentina. A seguinte escala fíxoa en Lisboa, para dende a capital portuguesa cruzar o atlántico para chegar aos portos de destino: Río de Xaneiro, Montevideo e Bos Aires. A travesía completa duraba uns 11 ou 12 días. Aínda que o folleto non dá cadra, supoño que farían paradas técnicas nas Canarias e en Cabo Verde.

Pero como era este Transatlántico? Tiña 20.000 toneladas de desprazamento e 16.000 de rexistro; 11.000 cabalos de vapor; a eslora medía 560 pés (171 m. de longo), e a manga 65 (20 m. de ancho); e alcanzaba unha velocidade de 17 nos. Posuía aparatos de Gas Clayton contra posibles incendios. Dispuña de tanques contra o balanceo (patente Frahn) para lograr unha completa estabilidade durante a navegación. Outras vantaxes eran a telegrafía sen fíos, os reloxos automáticos eléctricos ou a lavandería mecánica.

Contaba con catro clases: 1º, 2ª, 2ª económica e 3ª, cada unha coa súa cociña, o  seu comedor e as súas cubertas de paseo. A 1º clase tiña capacidade para 297 pasaxeiros, a 2ª e a 2ª económica sumaban 222, e a 3º 870. Estes últimos, cunha abismal diferenza, eran os máis numerosos e os que menos superficie ocupaban.

CAP FINISTERRE-Salón de fumadores da 1º clase CAP FINISTERRE-Salón de fumadores da 1º clase

Como cabe esperar, á hora de publicitar a nova embarcación, eran as espazosas e luxosas instalacións da 1º clase nas que se incidía especialmente, e as que seguramente marcaban a diferenza cos buques máis antigos da compañía ou cos da competencia. Da comodidade e amplitude da que gozaban os viaxeiros máis adiñeirados son unha boa mostra as imaxes que incluímos: salón comedor, xardín de inverno, salón de fumadores, salón de señoras ou un exemplo de apartamento de luxo. Os apartamentos eran desafogados e con cuarto de baño incluído. A maiores contaban con piscina e cos maiores espazos, en diferentes cubertas, para todo tipo de actividades de lecer. A carta e menús a escoller para almorzos, xantares e ceas era interminable.

CAP FINISTERRE- Salon- Comedor da 1 clase CAP FINISTERRE- Salón- Comedor da 1ª clase CAP FINISTERRE- un apartamento de luxo da 1 clase CAP FINISTERRE- un apartamento de luxo da 1ª clase CAP FINISTERRE- Salon de senoras da 1 clase CAP FINISTERRE- Salon de señoras da 1ª clase

Pero deixemos os esplendores dos máis podentes e descendamos á 3º clase, a que máis nos interesa. É da que menos información nos ofrece o mencionado folleto. Contaba con apartamentos específicos para “isrraelitas” e para españois. Os primeiros, supoño, polas súas costumes tan pouco convencionais; e os segundos, seguramente maioritariamente galegos, porque formarían o grupo máis numeroso da clase máis económica. Sabemos que a pasaxe de Vigo a Bos Aires en 3º clase custaba 281 pesetas. Hoxe parécenos unha cifra irrisoria, pero naqueles tempos era unha suma difícil de xuntar. Moitos emigrantes tiñan que endebedarse deixando parte das súas propiedades como aval para poder satisfacer o prezo da viaxe.

Os camarotes da clase de menos categoría, con catro liteiras, situábanse na entrecuberta: na proa os dos homes e na popa os das mulleres e nenos. Salientaban na publicidade o bo alumeado e a capacidade de renovar completamente o aire en tódolos departamentos e en calquera momento. Sobre a comida pouco din. Por outra fonte, nun anuncio da prensa da época, aseguraban que as comidas eran abundantes “a la española, con pan fresco y buen vino, servidas por cocineros y camareros españoles”. Esta atención especializada, como xa dixemos, estaría motivada porque os “españoles” ocuparían a maioría das prazas da 3º clase. Tamén tiñan dereito a asistencia médica e farmacéutica gratuíta.

Aínda que non para tódolos viaxeiros, o aludido folleto definía o novo buque como un verdadeiro “Palacio marítimo flotante”.

As escalas nos portos galegos tiñan como único obxecto: a exportación de persoas. Un dos negocios máis substanciosos dende o último terzo do século XIX ata os anos cincuenta da pasada centuria, no que á emigración americana se refire . A prensa e as revistas da época estaban invadidas de anuncios de navieiras que prometían o mellor trato, os prezos máis competitivos e as viaxes máis curtas. Nos anos vinte e trinta do século pasado, ata se dou certo debate no mundo do galeguismo, esixindo que nas publicacións afíns non se lle dera entrada a este tipo de publicidade que fomentaba a emigración e desacreditaba unhas cabeceiras (revistas, xornais, semanarios,..) que debían posicionarse  en contra deste comercio humano.

O CAP FINISTERRE non tivo unha longa singradura ao servizo da Compañía Hamburguesa Sudamericana. Coa chegada da 1º Guerra Mundial o tráfico marítimo de pasaxeiros viuse moi afectado, reducíndose á mínima expresión. Ao remate da contenda  á navieira de Hamburgo retiráronlle a maioría dos seus barcos. O CAP FINISTERRE foi confiscado polos Estados Unidos que, despois de rebautizalo como USS CAP FINISTERRE, utilizárono durante o ano 1919 para transportar parte das tropas que este País enviara a loitar en Europa. Cumprida esta misión, os norteamericanos devolvérono ao servizo comercial do transporte de viaxeiros, pero xa foron outras as súas rutas e outros tamén os seus portos de referencia.

Intentei pescudar en que momento rematara a súa actividade, mais non o logrei.  Supoño que o faría dunha maneira silandeira, cando as reparacións eran cada vez máis custosas e as navegacións menos rendibles. Nesa situación o desmantelamento sería o destino da súa ultima viaxe.

O CAP FINISTERRE non foi o único barco que sucou os mares coa denominación do cabo fisterrán. Ata 8 embarcacións, 9 co noso protagonista de hoxe, tiveron e teñen o nome de Finisterre: varios destrutores da armada inglesa, un atuneiro, un mercante, un porta-contedores escocés, un de salvamento marítimo español, e o último, un “ferry” que fai a ruta entre Portsmouth e Santander.

Pero quizais ningún co exclusivo esplendor da “belle epoque” que posuía o transatlántico alemán que hoxe quixemos lembrar.

  • Suso Jurjo, técnico de Cultura do Concello de Mazaricos.
 

Outras reportaxes mazaricás de Suso Jurjo

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC.

Comentarios