Xoves. 28.03.2024
El tiempo

Para que a Vaca de Fisterra volva bruar: “Porque Fisterra é o Finisterre máis Finisterre de todas as Fisterras”

Para que a Vaca de Fisterra volva bruar: “Porque Fisterra é o Finisterre máis Finisterre de todas as Fisterras”
Emotivo acto no Faro Fisterra polo bruar da Vaca Emotivo acto no Faro Fisterra polo bruar da Vaca Impresionante é o adxectivo que merece a marea cultural que se xuntou este sábado 19 de setembro en Fisterra para reivindicar que a Vaca do Faro Fisterra volva bruar. O acto convocado polo mundo cultural costeiro convocou a máis de 300 persoas que se congregaron na Lonxa e partiron en procesión festiva-cultural-reivincativa ata o propio Faro Fisterra. Os poemas compartiron protagonismo cos cánticos nunha demostración de que este son é moito máis que un sinal marítimo. Xosé Iglesias, Modesto Fraga e Chisco Fernández Naval foron os grandes promotores deste evento, en colaboración cun Concello de Fisterra que aproveitou a marea para pedir que a Vaca sexa declarada Patrimonio Cultural Inmaterial da UNESCO. Pero a tarde tivo tempo para escoitar nada menos que 30 poetas, entre eles un Roberto Traba Velay que aproveitou a loita láctea para reinvidicar a vaca fisterrá sen leite pero de “peitos armoniosos”. “Non podo disir nin muuuu”, lucía unha das pancartas máis vistas na tarde. De feito, a Vaca non bruou, só o fixo a través dos altofalantes do coche de Protección Civil, que levaban unha gravación emotiva preparada. ”O máis importante creo que foi a participación dos fisterráns que parece que empezamos a darnos conta de que temos moita influencia no mundo”, reflexiona Roberto. “A vaquiña polo que vale”, sinala recordando que “o pobo de Fisterra temos que beneficiarnos máis destas cousas como a Vaca, o nome, o simbolismo, a realidade de ser a Fin do Camiño e de que os “darriba” non manden tanto e nos manden recursos para ser algo máis que un pobo moi bonito, un fiestra onde o Camiño, e tamén Galicia, se amose ao mundo. Porque Fisterra é o Finisterre máis finisterre de todas as fisterras”. Esta foi a poesía que armou Roberto para a ocasión, en clave leiteira.

”A Vaca de Fisterra”, por Roberto Traba Velay“

Pancarta clara de Roberto Traba A Vaca de Fisterra non dá leite, pero pódese muxir Pois dende sempre, sempre dou sinais de vida e os seus tetos musicais amamantaron entre a néboa a un sinfín de mariñeiros que por fin apareceron. A Vaca de Fisterra non dá leite porque andan nos despachos a dicir que éche moi vella. Pero non é vella, éche ben bonita, bonita simplemente tan simplemente bonita que ata os nenos encantados queren vela e escoitala e por iso van ao Faro entre o borrazo a preguntar se a súa mariñeira melodía son capaces de sentila na Coruña. A Vaca de Fisterra non dá leite pero sempre amamantou con maternal chamada a botes e chalanas e a barcos veleiros que a valga navegaron entre brétemas sumidos nun fuscallo silente e neboento onde nada se escoita agás a voz do mar ata que alguén berra por fin: ”Imos ao Norte, Capitán Ou! Meu capitán que xa soa a sirena. A Vaca de Fisterra non dá leite, pero pódese muxir porque a serea que canta sobre as augas con voz de corno e caracola nai e muller de peitos harmoniosos e melódicas alarmas, que pode amamantar de peixes e acubillos a tanto navegante que surcan a fin do mundo para que berre a Vaca e o mar siga medrando.

Repaso histórico

A Vaca de Fisterra forma parte da paisaxe sonora de varias xeracións non só de Fisterra, senón de toda a comarca. Os nenos e maiores da contorna medraron eses días grises con ese bronco bruar. A Vaca funcionou durante 110 anos, desde o 1889 ata o 1996. Cando soaba emitía dúas ráfagas, cada unha composta por unha dobre nota, emitidas cada 60 segundos. Tratábase de 120 decibelios que se podían escoitar ata 25 millas (46km) mar adentro. Tras varias reformas interiores que tiveron lugar no edificio do Faro este sinal sonoro, único dentro dos Faros de Europa, apagouse en 1999 e foi substituído por modernos sistemas de navegación e posicionamento. Transcorrido todo este tempo, o mecanismo de funcionamento permanece inalterado e conservado para o seu activamento en calquera momento. Por iso, tras esta boa resposta da cidadanía, os membros do Concello están un pouco máis optimistas ante a idea de que a Vaca poida volver, algún día, a bruar. Acto na Lonxa pola Vaca de Fisterra-Foto-Dario Gomez   Marea pola Vaca de Fisterra-Foto-Dario Gomez   Cesar Cambeiro fixo bruar unha concha no acto pola Vaca de Fisterra-Foto-Dario Gomez  

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios